IniciosociedadeCervo exime ao comercio pechado polo estado de alarma de pagar as...

Cervo exime ao comercio pechado polo estado de alarma de pagar as cotas de lixo e terrazas

O goberno cervense tampouco cobrará por servizos non prestados, como a escola infantil ou a piscina municipal

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo anunciou unha serie de medidas fiscais para aliviar as consecuencias da crise socioeconómica que trouxo o coronavirus. O executivo cervense condonará a taxa de lixo a aqueles negocios que se viron obrigados ao peche a causa do Covid-19 e tampouco emitirá recibos ás persoas usuarias daqueles servizos municipais que non se estean prestando.

Sobre a taxa do lixo, tal e como explica o goberno local nun comunicado, “non se cobrará este servizo, que o Concello xestiona directamente, desde o 15 de marzo e durante o tempo no que os establecementos se vexan obrigados a ter paralizada a súa actividade”.

Durante a próxima semana poñeranse en contacto con todas aquelas persoas que xestionen estes negocios afectados para informalos das medidas, para avaliar con eles a situación e o plan de desescalada.

A fin de aliviar a carga destes pequenos empresarios, outra das medidas que se adoptou –recordan- é a eliminación da taxa de terrazas desde o 15 de marzo e ata que estes negocios poidan normalizar a súa actividade.

NON SE COBRARÁ POR SERVIZOS MUNICIPAIS NON PRESTADOS

Ademais, desde o 15 de marzo non se cobrarán as taxas da Escola Infantil Municipal, das Escolas Deportivas Municipais e da Piscina Municipal que correspondan a este período de cese obrigado da actividade.

Ademais, aprobouse a flexibilización do pago dos canons de todos os servizos municipais que se prestan de xeito directo. Deste xeito, a veciñanza terá a posibilidade de aprazalo ata en catro meses, sen ningún tipo de recargo, e sen ter que comunicalo en dependencias municipais.

O CCA BURELA REPARTIRÁ 2.100 ELEMENTOS DE PROTECCIÓN

O Centro Comercial Aberto de Burela repartirá durante os vindeiros días 1.000 pantallas protectoras gratis entre os seus establecementos asociados para que, tanto propietarios como traballadores, poidan volver á actividade cos máximas garantías.

Ademais xa se repartiron entre os locais que están abertos, unha remesa de 500 máscaras cirúrxicas, adquiridas a través da Federación Gallega de Comercio. A estas uniranse outra partida de 600 que se compraron a través de A Mariña Comercio (FCAM) e que se irán entregando, tamén gratuitamente, segundo se vaian abrindo o resto de establecementos.

Con estas entregas, a asociación quere contribuír na medida das súas posibilidades a retomar a normalidade comercial dando as máximas garantías de protección tanto a persoas traballadoras como a clientes.

O BNG DE VIVEIRO INSISTE EN RECLAMAR A RETRANSMISIÓN DOS PLENOS

O BNG de Viveiro urxe ao goberno municipal do PSOE a iniciar a gravación dos plenos e a emisión en directo na web do Concello. Unha moción que levaran os nacionalistas xa na sesión plenaria de setembro do 2019 e aprobada pola corporación, mais aínda segue sen instaurarse máis de oito meses despois.

A edil nacionalista, Míriam Bermúdez, indica: “esta urxencia non é un capricho, sen sesións plenarias non podemos aprobar nin sacar para adiante solucións de grande envergadura para afrontar esta crise para Viveiro. Hai que poñer a andar o sistema das gravacións, pois por un lado, os veciños pódenas seguir igualmente na web sen acudir de forma presencial e polo tanto sen risco, e por outra banda, sería un paso importante de cara a realizalar as sesións plenarias por videoconferencia, polo menos até que remate o estado de alarma”, aclarou.

Os nacionalistas instan tamén ao goberno municipal a aceptar a proposta de realizar un plan de pago personalizado dos impostos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...