O Pescados Rubén Burela FSF pensa xa no play-off exprés polo título de liga feminina como horizonte máis inmediato. Tras a aprobación desta mañá por parte da Comisión Delegada da RFEF sobre a proposta de resolución de competicións non profesionais, as Guerreiras Laranxas poñeranse a traballar con todos os protocolos de seguridade para presentarse na data, hora e sede indicadas polo órgano competente para a loita polo galardón.
Futsi Atlético Navalcarnero, Pescados Rubén Burela FSF, Ourense Envialia e Alcorcón FSF, os catro primeiros clasificados, serán os candidatos ao trofeo de 2019-20, nunha cita sen afluencia de público. Por agora non hai data concreta, aínda que o prazo límite para finalizar a competición é o 20 de xuño.
O club laranxa non ten coñecemento por agora sobre se se disputará a segunda Copa da Raíña, trofeo do que o Burela FSF é o vixente campión. Esta competición xógase nunha Final Four a partido único con catro aspirantes.
O MASCULINO, CONFIRMADO EN PRIMEIRA
O Pescados Rubén volverá contar con dobre representación na elite en 2020-21. A falta de sete xornadas e con 21 puntos en xogo, o conxunto masculino mantén a categoría, de acordo coa disposición de dar por finalizada a competición sen descensos en todas as categorías de fútbol sala.