IniciosociedadeLlano insiste na cuestión sanitaria para manter o mercado en Torrentes malia...

Llano insiste na cuestión sanitaria para manter o mercado en Torrentes malia o pulso dos comerciantes

A maioría dos 25 postos autorizados non vendeu ao non estar de acordo coa ubicación; o Concello ve trala negativa "un movemento de presión" do PP, que critica a "falta de diálogo"

Publicada o

- Advertisement -

A maioría dos comerciantes con autorización para traballar este venres no mercado semanal de Burela, que volvía nunha nova ubicación, na zona de Torrentes, decidiu non abrir en sinal de protesta polo cambio de escenario decidido polo Concello. Un total de 25 postos -todos de produtos agroalimentarios- tiñan permiso para vender, pero só algúns ofreceron a súa mercancía.

UNHA ZONA “COSTA ARRIBA E SEN UN BAÑO”

Os comerciantes consideran que a zona escollida polo Concello -nunha urbanización inaugurada en 2013 e cara onde se espera que poida medrar o municipio a nivel urbanístico– non é axeitada, posto que se trata dun lugar “de difícil acceso para a xente maior ao ser costa arriba e onde non hai un baño preto“, segundo expuxo a dona dunha panadería en Cope de la Costa.

A EXTENSIÓN DO PORTO, PROPOSTA DOS VENDEDORES

Segundo o testemuño desta persoa, o comercio ambulante solicitaba que o mercado se trasladase á extensión do porto, ao entender que hai espazo suficiente para manter as distancias esixidas pola normativa. “Aquí é imposible que se poidan ubicar os postos de téxtil“, sostén, para criticar que o Concello “non consensuase” a ubicación cos comerciantes.

O PP RECLAMA UN REGULAMENTO DO MERCADO

O Partido Popular (PP) de Burela censurou “a falta de diálogo” do alcalde, o socialista Alfredo Llano, que “foi incapaz de falar cos axentes implicados para escoitar as súas reivindicacións. Enténdase neste sentido: Acia, Asociación de Veciños, hostaleiros e os propios comerciantes que ata o de agora acudían a por á venda os seus produtos na nosa vila”, indicou o voceiro da formación conservadora, Manuel Rouco.

O PP remarca que “o de Burela foi o único mercado de tódolos celebrados na Mariña onde os comerciantes tiveron problemas para reanudar a súa actividade”, e lamenta que esta situación deuse “malia que non faltaron advertencias”.

Os conservadores suxeriron ao longo dos últimos días que levar o mercado a Torrentes “é un vello anhelo político” do goberno socialista. Deste xeito, reclaman un regulamento para a venda ambulante “que prometeu xa hai anos”.

LLANO: “O VINDEIRO VENRES HABERÁ MERCADO E ESTARÁ NORMALIZADO”

Llano mantivo este venres unha conversa cos comerciantes. O rexedor insiste en que Torrentes “é o único espazo en Burela que está de acordo coa normativa de seguridade” e que ofrece “todas as garantías” no tocante “á separación” interpersoal e entre postos esixida. O alcalde mantén que a decisión “está ben argumentada polos técnicos“.

“Todo o que hai que valorar agora mesmo é a saúde, e despois miraremos o plano comercial“, remarcou o rexedor, que sostén que o mercado celebrarase o venres da semana que vén dun xeito “totalmente normalizado” na mesma ubicación elixida.

“É certo que houbo quizás unha interpretación, xa que comigo non chegou a falar ninguén, de que ao mellor era unha imposición levar para alí o mercado e que algunha persoa podía verse prexudicada no seu negocio porque non iría tanta xente”, admite o rexedor, que salienta que se trata dunha ubicación “determinada como consecuencia do estado de alarma“.

O REXEDOR: “O QUE DEBE PRIMAR É QUE A XENTE DE BURELA POIDA MERCAR CUMPRINDO AS NORMAS SANITARIAS”

“Estiven falando co colectivo que se negou a abrir hoxe porque non entendía, xa que ao mellor non tiña toda a información necesaria, pero van abrir para a semana que vén. Estiven falando con eles e chegamos á conclusión de que poden estar alí perfectamente, que a xente de Burela, que hoxe había moita, pode estar alí perfectamente cumprindo as normas sanitarias que agora mesmo é o que debe importar“, resalta.

Por último, Llano acusou ao PP burelao de potenciar “un movemento coa única pretensión de intentar presionar para que o mercado non se levara para alí. Aquí soamente hai un grupo que se está manifestando dunha maneira descarada en querer bombardear ao goberno, alegando razóns máis comerciais que sanitarias”, apuntou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...