O Concello de Burela iniciou unha campaña de apoio ao comercio local, que leva a cabo nos medios de comunicación e nas redes sociais co obxectivo de potenciar as compras nos negocios locais. O lema desta iniciativa promocional é ‘Compra en Burela. O comercio que te guía, aberto‘.
O concelleiro de Comercio e Turismo, Ramiro Fernández Rey, comentou que a campaña “é unha solicitude que nos fixo a asociación de comerciantes nas reunións que vimos mantendo semanalmente con eles”.
O edil burelao explicou que a campaña “vai ter repercusión en moitos medios ademais de nas redes sociais. Fernández Rey anima “á veciñanza de Burela e da comarca a que use o comercio local para facer as súas compras. Eu penso que é un momento importante no que nos necesitan, e creo que tamén é unha responsabilidade de todos co comercio local, que cando fai falta nas actividades dos pobos como as festas de Burela, actos culturais ou deportivos, achegan o seu grao de area para que eses actos poidan saír adiante, xa que sen a axuda do comercio non sería posible”, argumenta.
“Penso que é o momento de devolverlles esa confianza. Facendo as súas compras no comercio local e na hostalería local, os veciños tamén están axudándolle ao pobo a ser un lugar vivo, alegre e que teña movemento económico. Penso que esa responsabilidade debemos exercela e por iso desde o Concello animamos á xente a facer as súas compras no comercio local”, engade.
AXUDAS ECONÓMICAS
Fernández Rey asegura que o Concello axudará ao comercio local “en todo o que poida” e nese sentido remarca que “estamos tamén traballando para buscar algunha maneira de axudarlles economicamente ás empresas que se viron obrigadas ao seu peche durante o estado de alarma“.
O Concello, explica o concelleiro, “traballa nas bases desas axudas, intentando conxugar as necesidades coas limitacións que ten o Concello para poder dar ese tipo de subvencións. Xa temos planificados uns criterios para apoiar aos comerciantes que se viron obrigados a pechar. Quedarán un pouco supeditadas tamén á aprobación dos orzamentos municipais, que esperamos levalos en breve a pleno. Desa aprobación dos presupostos tamén dependerá un pouco a axuda que se lles poida dar a eses comerciantes”, sostén Fernández Rey.