O Concello de Burela e maila asociación de veciños O Vencello polemizaron pola reubicación do mercado semanal en Torrentes. Boa parte dos comerciantes ambulantes cuestionou o espazo escollido polo goberno local e negouse a vender a súa mercancía o pasado venres, aínda que o executivo municipal prevé que acudan “31 ou 32 postos agroalimentarios” á cita de mañá. O colectivo veciñal tacha a decisión de “medida unilateral e prepotente” mentres que o alcalde, o socialista Alfredo Llano, insiste en que a zona é a única viable e que garante as condicións sanitarias.
A ASOCIACIÓN VECIÑAL VE “PREPOTENCIA” NO CONCELLO
O Vencello sumouse ás críticas do PP e amosouse “sorprendida” polo cambio de ubicación do mercado semanal. “Pensamos no mercado non só coma unha actividade comercial, senón tamén como un lugar de reunión tradicional do noso pobo que semanalmente acolle tamén a veciños doutras vilas e pobos do noso entorno. Por iso, creemos que en momentos tan complicados como o actual, o diálogo, a axuda e a cooperación son fundamentais, e non a improvisación“, expón a asociación.
O colectivo ve “curioso” que o Concello “se lembre agora da existencia de Torrentes, cando o proxecto da unidade de actuación desta zona leva aprobada dende hai 15 anos. A día de hoxe, este proxecto urbanístico tan importante para Burela está sen rematar”, remarca.
PIDE UN REGULAMENTO DO MERCADO
“Reafirmámonos na idea de que agora é o momento de apoiar ao comercio local e de proximidade. Demandamos a redacción dun regulamento do mercado semanal; así como unha ordenanza das terrazas de hostalaría, básicas neste momento”, resalta a agrupación, que critica que “aínda non se ten ditaminado ningunha axuda económica tanxible de apoio a veciños, autónomos, comerciantes e industriais”.
“Exemplo destas medidas solicitadas son a moratoria da taxa do lixo para os locais que permaneceron pechados pola corentena; ou a rebaixa de taxas abusivas coma a da ocupación de vía pública para a construción, cuxa presión fiscal é desorbitada; sendo de ata trinta veces superior á de ouros concellos veciños”, salienta O Vencello, que demanda así mesmo “información” ante a “opacidade” do goberno local sobre o novo contrato de recollida do lixo, aprobado no pleno tras mudar de voto o BNG.
LLANO ASEGURA QUE A UBICACIÓN NO PORTO NON É VIABLE
Pola súa banda, Llano resaltou que “agora mesmo hai moitas peticións e moito interese en vir ao mercado de Burela”, e precisou que “31 ou 32 postos” de produtos agrícolas, lácteos, cárnicos ou de froita estarán presentes na venda ao aire libre do vindeiro venres. “A ver se entramos na fase 2 e para a semana pódense incorporar o sector téxtil ou de apeiros, porque polo de agora non é posible”, indicou.
Respecto á ubicación do mercado, sinalou que “trasladámolo a Torrentes por un lado pola recomendación dos técnicos en base á seguridade sanitaria, vendo que en Burela non hai outra posibilidade“.
Os comerciantes solicitaban levar o mercado para o peirao, unha petición que segundo o rexedor non é viable. “Na primeira lexislatura” na que o alcalde socialista estivo á fronte do Concello, indica Llano, “tentaramos negociar para conseguilo, pero Portos de Galicia díxonos que se trata dunha infraestrutura demasiado importante economicamente, polo que outra actividade podería interromper o bo funcionamento”.
Torrentes é “unha zona que garda todas as garantías sanitarias, con capacidade para meter negocios e á vez dar fluidez á venda, e é céntrica”, defende Llano, que insiste en que o executivo municipal tomou esta decisión “pensando no ben común” e que anima “á xente a que acuda, porque é a maneira de retomar a actividade económica e social“.
“SITUACIÓN INDUCIDA”
Sen mencionar a ninguén en concreto, o alcalde lamentou que “hai xente que tenta torpedear o mercado en Torrentes” cunha postura “preocupante“, porque “semella que teñen máis interese en facer dano que ofrecer cousas importantes á poboación de Burela”. Por iso, instou publicamente á veciñanza “a non facer caso” e a “participar”.
O rexedor afirmou que “o outro día houbo unha situación inducida para intentar parar o mercado, cousa que non se logrou e agora esa mesma xente que ao mellor protestaba o outro día si que vai vir coa intención clara de favorecer este mercado nese lugar de Torrentes. Penso que o que hai que mirar é en positivo e sobre todo favorecer a recuperación económica e social o antes posible, que é no que estamos tentando traballar”, concluíu.
NORMALIDADE NA PRAZA DOS CAMPOS
O mercado semanal da Praza dos Campos de San Cibrao congregou este xoves a 14 postos, seis máis que a semana pasada. Todos eles, como esixe a normativa, de produtos agroalimentarios.
Tal e como explica o goberno municipal cervense, de xeito provisional, volveuse habilitar unha entrada e unha saída pola Avenida da Mariña para que as persoas usuarias poidan acceder aos postos de xeito controlado.
Na entrada, o Concello facilitou solución hidroalcólica de uso obrigatorio e recomendou ás persoas usuarias a permanecer no mercado o tempo estritamente necesario para realizar as compras e sempre mantendo a distancia de seguridade de dous metros.