As Xornadas de Abordaxe Integral de Violencia de Xénero no Ámbito Local de Ribadeo incluirán nesta edición actividades dirixidas á sensibilización da infancia. O programa para os máis pequenos desenvolverase nunha carpa instalada a carón do Cine Teatro, onde terán lugar as sesións teóricas e prácticas dos días 21 e 22 de setembro.
As actividades serán gratuÍtas e facilitarán aos pais e nais a asistencia aos relatorios
Os obradoiros educativos e lúdicos xirarán en torno á “visibilización do mundo feminino”, con diferentes propostas para poñer en valor á acción das mulleres en diferentes ámbitos “tanto no noso concello como na nosa historia e na nosa vida en particular”, como sinalou a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, na presentación das xornadas. A edil destacou a importancia de “sensibilizar neste ámbito aos cidadáns que no futuro serán adultos, terán as súas relacións e serán tamén educadores e educadoras”.
FORMACIÓN PERMANENTE
As xornadas abordarán as violencias machistas desde diferentes disciplinas, desde a xudicial ata a educativa, introducíndose en temas de actualidade como a necesidade de introducir a perspectiva de xénero na xustiza e noutros novidosos con respecto a pasadas edicións como o das diversidades afectivo-sexuais e a identidade de xénero. Programa Xornadas Violencia Ribadeo 2018
o programa arrancará cunha mesa redonda sobre a experiencia de supervivintes da violencia de xénero
A directora do Centro de Información á Muller, Luisa Couceiro, explicou que “despois de dez anos, seguimos pensando que o proceso de formación e aprendizaxe ten que ser permanente. Couceiro advertiu dunha “normalización tanto dos feminicidios como da connivencia con actitudes e comportamentos machistas que veñen ser o xermolo das desigualdades das mulleres”.
INSCRICIÓN
O prazo para inscribirse nas xornadas estará aberto ata o 19 de setembro. Mariluz Álvarez Lastra animou á cidadanía a participar nas sesións que se desenvolverán no Teatro. “Agora que se poñen puntos lila en actividades e festivais, cremos que esta pode ser unha boa oportunidade para que as persoas que actúan como voluntarias veñan formarse. O voluntariado é moi importante, pero as administracións temos que facilitar os recursos para que, quen teña esa vontade de colaborar, poida recibir a cualificación necesaria para afrontar estas situacións”, afirmou a edil.