O Concello e maila comisión organizadora das festas de Burela, que foron canceladas neste 2020 por mor do coronavirus, deron a coñecer unha serie de actividades que si se realizarán, os días 6, 7 e 9 de xuño, para “que a veciñanza e os mariñeiros” poidan conmemorar estas datas.
PASARRÚAS
O sábado 6 haberá pasarrúas de cinco a oito da tarde a cargo de Dambara e as súas agrupacións de gaiteiros. “Estamos a perfilar un percorrido para que todos os barrios e zonas do concello teñan esta pequena atracción, unha conmemoración das festas que non vai prexudicar en nada ás medidas de protección necesarias”, explicou o edil burelao de Cultura, José Díaz.
ESTÚDASE GRAVAR UNHA MISA NO REINA DEL CARMEN
O domingo, a Banda de Santo Inocencio interpreterá a Salve Mariñeira a carón do barco museo. Esa actuación “simbólica” gravarase e será colgada nas redes sociais, “para que a xente o poida ver e para que sirva de homenaxe. Estamos pendentes de ver se se podería acompañar ese canto coa celebración dunha misa, sen procesión pero coa imaxe, que se faría igualmente no Reina del Carmen“, indicou Díaz.
A CERIMONIA POLOS DEFUNTOS NO MAR, SEN CAMBIOS
Ademais, o 9 de xuño terá lugar a ofrenda floral aos falecidos no mar, ás 12.00 horas no porto. “Isto mantense igual porque é unha cerimonia pequeniña e podemos cumprir perfectamente coas medidas de seguridade”.
AS PRIMEIRAS FESTAS DO VERÁN
O edil de Cultura remarcou que “a situación respecto ao coronavirus cambiou todos os plans e tamén as festas”, que no caso de Burela “son as primeiras do verán, o que nos levou a ser os primeiros en ter que tomar decisións. Non sabemos se en agosto ou en setembro se poderán realizar festexos como tales, pero a día de hoxe non sería posible case ningunha das actividades”, expuxo.
“LAMENTAMOS NON PODER FACER MÁIS COUSAS”
Pola súa banda, a tamén edil e presidenta da comisión organizadoras das festas patronais, Toñi Eijo, afirmou que “lamentamos non poder facer máis cousas e esperamos que o ano que vén acollamos as festas con máis ganas. Queremos tentar agradarlle esa fin de semana da maneira que poidamos á xente de Burela e aos mariñeiros, é a data deles e queremos dicirlles que non os esquecemos”, finalizou.