InicioEn ProfundidadeObreiros de Alcoa: "tendes a pensar que isto é para toda a...

Obreiros de Alcoa: “tendes a pensar que isto é para toda a vida, pero agora o lobo amosou os dentes”

Tras ver cumpridas promesas de soldos dignos e estabilidade laboral, os traballadores de San Cibrao encaixan o anuncio de ata 534 despedimentos en aluminio; prometen loita

Publicada o

- Advertisement -

Hai algo máis de catro décadas, o cervense Honorato Fernández Soto, hoxe falecido, foi o primeiro empregado da planta de aluminio de San Cibrao, aquel co que se deu de alta á fábrica. Antes gañaba o pan como taxista. Os promotores do complexo industrial mercáranlle uns terreos e ao pagarlle déronlle por erro un cheque de máis, que se prestou a devolver. Daquela preguntáronlle se quería traballar para eles.

Cando comezaron a mercar os terreos para montar a factoría, Fernández ía polas casas e contabilizaba os animais que tiñan os veciños para pagar o penso. “Un burro creo que o vin en catro ou cinco vivendas, e un señor facía entrar os coellos por un lado da corte e saír por outro: contei 27, pero eran só catro”, relataba nunha revista editada polo 20 aniversario do complexo industrial de San Cibrao.

Hoxe, un dos seus fillos, Honorato Fernández, de 42 anos, é un dos 633 empregados que ten esa mesma fábrica de aluminio. Ir cara diante e cara atrás na historia familiar demostra a importancia para A Mariña Lucense dun complexo industrial que transformou a sociedade dunha bisbarra de agropesqueira en industrial e que ofreceu unha saída laboral, durante décadas, a pais e fillos.

honorato fernández, obreiro de aluminio, é o fillo do primeiro traballador da historia da planta

PAIS E FILLOS

Traballador na sección de fundición da planta, Fernández dubida se sería un dos afectados polo expediente de regulación de Emprego (ERE) anunciado por Alcoa, que suporía o despedimento dun máximo de 534 obreiros, aqueles que realizan a produción de ánodos e o metal líquido, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas do seu propio departamento.

Sexa cal sexa a tarefa que realiza cada traballador, a preocupación entre o persoal é unánime. “A xente si que ten medo agora“, explica este obreiro, que comezou en Alcoa San Cibrao en 2006. “Daquela había emprego, renovouse moito a xente porque houbo prexubilacións e moitos entramos desde empresas auxiliares”, lembra.

MELLORAS LABORAIS

Para Fernández, entrar a traballar no complexo industrial que lle deu emprego a seu pai foi unha mellora laboral significativa. “Antes traballei na Coruña, nunha firma de mantemento de oficinas, durante oito anos”, indica, e pronuncia á primeira un trabalinguas: “alí eramos empregados dunha empresa de servizos subcontratada a unha subcontrata da que gañou o contrato“, ri.

O ALUMINIO garantiu soldos ben remunerados, traballo estable e axudas sociais a centos de mariñaos, nativos e de adopción

Daquela enumera as melloras laborais que lle ofreceu o aluminio, ademais de poder establecerse na comarca onde naceu e de onde é natural a súa muller -agora tamén, os seus fillos. “Era un traballo estable, ben remunerado, con protección ao empregado, mesmo ao básico, con axudas sociais por todas partes -gardería, colexio, libros, dentista, óptica…-. Alcoa ofreceunos moitas cousas”, remarca.

SEN ALTERNATIVAS SOCIOLABORAIS

Os salarios dignos e a estabilidade laboral que ofreceu a planta estiveron detrás do desenvolvemento socioeconómico da Mariña incluso en momentos complicados, como a crise de 2008, co afundimento da construción. Ao tempo, os anos pasaron na comarca, desde a década dos 80, con pracidez, quizais demasiada, dado que non se desenvolveron proxectos alternativos ao aluminio.

Alcoa San Cibrao, considerada “a xoia europea do aluminio”, parecía non estar en nunca en entredito. O anuncio dos despedimentos, por moito que de momento só sexa iso, un anuncio, foi un despertar para todos.

alcoa san cibrao estaba considerada a “xoia do aluminio europeo” e faltan outras opcións laborais na bisbarra

“Sempre houbo unha parte dos traballadores que non se cría que isto podía pechar. Pensabamos nun recorte menos drástico, na parada dalgunha serie. O lobo levaba tempo oubeando pero agora ensinou os dentes“, afirma Óscar Lara, sindicalista e traballador da planta de alúmina desde 2009.

Alcoa anunciou que por agora non tocará o emprego en alúmina, lugar de traballo de 510 persoas, pero este empregado, natural da Coruña e afincado en Viveiro, aclara rápido por que non serviría de nada crerse exento dos recortes: “parte do que producimos é para nosa fábrica irmá, así que non tardariamos en ver reducida a nosa produción”.

ANO E MEDIO NO DISPARADOIRO

Cando comezaron os malos presaxios? Para Fernández, co peche e posterior venda das plantas de Alcoa e Avilés. Hai máis ou menos ano e medio, o tempo que leva traballando en aluminio Juan Luis Vale, un viveirense de 48 anos.

É o período que leva Alcoa San Cibrao no disparadoiro, coa planta de aluminio ameazada de peche en varias ocasións por Alcoa, co argumento de que sen un abaratamento da enerxía eléctrica -que supón o 40% dos gastos produtivos- producir este metal en España “é inviable”.

A MARIÑA TEME “UNHA DEPRESIÓN”

Vale prognostica o que todos os mariñaos temen que pase se se confirma un recorte do emprego tan drástico no complexo industrial: “detrás de aluminio iría alúmina, empresas de transportes exteriores, e logo pecharían comercios, supermercados, negocios de hostalería… Sería unha depresión que provocaría moitos máis despedimentos fóra da planta”, resume.

“detrás disto iría alúmina; despois o comercio, a hostalería…”, di un empregado

A solución? “Eu teño dous fillos, e tería que plantearme marchar a unha cidade a traballar, facer algo de formación, ou irme directamente a outra zona de España; son as opcións que vexo para que poida haber economía suficiente na casa”, indica o viveirense.

“A Mariña pode andar hoxe por 4.000 desempregados”, indica Víctor Rivera, tamén viveirense, traballador desde hai 15 anos de Industrias Xove, unha das dez empresas auxiliares que teñen o 100% dos seus contratos na planta de aluminio e que, de materializarse o ERE nesa planta, estarían abocadas ao peche, cunha perda estimada doutros 300 empregos.

Un total de 45 xa se suspenderon por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes) en Reymogasa e Cyrgasa, despois de que Alcoa renunciase ao cambio de cubas, que aseguraba a reactivación da maquinaria unha vez chegaba á fin da súa vida útil. O complexo industrial de Alcoa dá emprego directo a un milleiro de traballadores de contratistas, ademais dos obreiros propios de alúmina e de aluminio.

“Se clausuran o complexo industrial, serían máis de 2.000 persoas no paro, para un total de 6.000. Que comarca aguanta iso?”, pregúntase Rivera.

DE PECHAR, “A ÚNICA SOLUCIÓN É EMIGRAR”

“Só quedaría facer as maletas. Non hai outra”, responde o seu compañeiro na empresa auxiliar Francisco Calvo, veciño de Burela, mentres conversan coas máscaras postas. Acaba de rematar a última das tres asembleas realizadas no complexo industrial para informar ao persoal do plantexamento de Alcoa. O sol é abrasador, abafante como os despedimentos que puxo a multinacional sobre a mesa.

Calvo chegou á Mariña desde Ferrol, onde traballaba nun taller de electromecánica. Rivera foi antes mariñeiro. “Isto deunos moita estabilidade, ambos levamos 15 anos e a min quédanme arredor de dez para xubilarme. Tendes a pensar que vai durar toda a vida”, admite. Ambos expoñen que a súa situación familiar, sen fillos, “non é a peor, porque hai compañeiros con dous ou tres pícaros, hipotecas por pagar… Os plans de vida caen ao chan”, remarcan.

SEN INVESTIMENTOS, SENSACIÓN DE PROVISIONALIDADE

Lara ten dous pequenos, “que xa son de Viveiro”. Chegou á Cidade do Landro á procura da estabilidade que lle ofrecía Alcoa. “Tiña algunha oferta boa a nivel económico, incluso mellor ca de alúmina, pero a sensación de continuidade fíxome decidirme. Era un momento crucial da miña vida, porque acababa de ter unha nena“, lembra.

“nos inicios alcoa funcionaba de marabilla, era pioneira. agora leva anos nos que deixa ir o complexo”

Cabe preguntarse se mozos como era el daquela, nunha tesitura semellante, poden esperar o mesmo de Alcoa San Cibrao. Lara explica como se foi marchitando a promesa: “esta empresa foi pioneira en moitas cousas, implantou técnicas que despois se fixeron noutros lados, cando eu cheguei funcionaba de marabilla. Había unha serie de plans que se ían desenvolver de cara a aumentar a capacidade da planta e agora ves que se está a exprimir a fábrica ao máximo para logo deixala ir“, salienta.

“SOMOS UNHA PLANTA EFICIENTE”

“A xente está asustada. Por primeira vez, non sabe que é o que pode pasar e entrou medo. Pero tamén hai ganas de pelexar polo futuro da fábrica”, indica Lara. “Somos unha planta moi eficiente, que estamos obtendo un resultados espectaculares, só condicionados por factores externos: por un lado, o prezo actual do aluminio, relacionado coa especulación dos produtores chineses; por outro, co prezo da enerxía. Penso que aos traballadores non se lles pode pedir máis e cando o teu futuro non depende de ti iso xera unha sensación de impotencia”, subliña.

“facemos o noso traballo, pero dependemos do prezo do aluminio e da enerxía. iso xera impotencia”

Fernández coincide en que o persoal é o mellor do complexo industrial. “Trátase dun proceso industrial que non é similar a outros e na empresa temos xente formada, algunha moi polivalente en seis ou sete tarefas diferentes e outra que leva facendo o mesmo vinte anos, co cal ten unha experiencia enorme“.

Con todo, dase un paradoxo: a eficiencia dos empregados nunhas tarefas moi específicas é un factor atractivo para calquera empresa, remarca, pero tamén unha dificultade para poder atopar outra saída laboral. “Moitos non saberiamos nin onde buscar traballo nin de que”, confesa, para engadir que a media de idade do persoal “é relativamente nova, duns 40 anos”.

ALCOA RENUNCIA AO ESTATUTO

Vale toma o pasado como lección e pide a todas as partes implicadas que poñan da súa parte: “se Administracións, Alcoa e os traballadores chegamos a un acordo, podemos reflotar esta planta para que sexa rentable. Temos un exemplo nos inicios do complexo industrial, nos 80, cando entrou en quebra e anos despois acabaría sendo atractiva para os investidores norteamericanos. Iso sería garantir emprego de calidade durante tempo para esta comarca“, expón.

O prezo da luz é desde hai anos o talón de Aquiles de aluminio, pero Lara apunta que agora hai un cambio na posición da empresa, tras meses presionando ao Goberno para que cumpra co abaratamento da electricidade prometido. “A empresa di que ningunha decisión está aínda pechada, pero por outro lado avisa de que sexa cal sexa a resolución do estatuto das empresas electrointensivas, non vai ser aceptable de cara a garantir a continuidade do proceso productivo”, concreta.

“temos que seguir para non perder clientes. traballar moito e ben e protestar tamén moito”

ESFORZO DIARIO E ACCIÓNS DE PROTESTA

Na xuntanza de persoal, o comité pregoulle aos traballadores que sexan fieis na loita polos postos de traballo, pero tamén responsables no seu esforzo diario. “É moi importante seguir coa produción, porque corremos o risco de perder clientes e estamos nun momento no que provedores hai moitos, pero compradores, poucos“, remarca Fernández.

O único remedio, consideran, é a intervención para asegurar a venta do complexo industrial a unha empresa produtora e non especulativa. Algo que escapa á súa man, pero teñen claro o que lles resta por facer: “traballar moito e ben e protestar moito tamén. Que se vexa que A Mariña é unha comarca viva que defende o seu”, sostén Lara, que conclúe: “o lobo está aquí pero aínda non sabe con quen deu”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...