O Club Kayak de Foz, coa achega da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Concello, organiza o vindeiro sábado, 8 de setembro, a 56 edición da Travesía da Ría de Foz, un evento de referencia no calendario deportivo mariñao que xuntará a preto de 400 padexeiros e 250 embarcacións de Galicia e Asturias.
A proba, puntuable dentro do grupo 1 para a Liga Galega de piragüismo nas categorías sénior, xuvenil, cadete e veterano -masculinas e femininas- comezará ás 16.30 horas, nas modalidades de K1, K2, C1 e C2.
EQUIPOS
Competirán na Travesía 30 equipos, catro deles mariñaos: serán o anfitrión, o Club Piragüismo Viveiro, San Ciprián e Altruán de Ribadeo.
participarán CATRO ENTIDADES MARIÑÁS NA PROBA, puntuable para a liga galega de piragüismo
Participarán tamén na 56 Travesía de Foz As Torres-Romeria Viquinga; Confraría de Pescadores de Portonovo; Ría de Aldán-Hermanos Gandón; Cambados; Piragüismo Olívico; Ribeiras do Tambre; Depornautic Arousa; Náutico de Miño; Avión-Catamarán Ribeira Sacra; Fluvial de Lugo; Fluvial do Barco; Tambo de Marín; Cambre; Náutico de Cobres; Pontecesures; Club Naval de Pontevedra; Cidade de Lugo; Narón; Río Verdugo; Allariz; Vilaboa; Ría de Betanzos; Escola Ourensá Municipal; Escola Cidade de Pontevedra; Grupo Xuvenil-Matojoma e Sociedade Deportiva As Xubias.
TRADICIÓN
A Travesía, iniciada no 1962 e desputada desde entón sen interrupcións, é a terceira competición deste tipo máis antiga de España. O evento trascende ao ámbito deportivo e convértese nunha cita cunha dimensión social, xa que Foz acolle nesta xornada a centos de visitantes, tanto aos participantes como aos amantes do piragüismo que se achegan á vila.
trátase da terceira competición deste tipo máis antiga de españa
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, asistiu á presentación do evento xunto ao presidente do Club Kayak de Foz, Nacho Romillo, o xefe do servizo provincial de deportes, Manolo Cadramón, e a edil focega Mercedes González, entre outras autoridades.