O persoal da residencia de Burela, de titularidade autonómica, retomou este xoves as protestas para reclamar á Consellería de Política Social a “recuperación dos dereitos suprimidos no ano 2012”. Os sindicatos CIG, CC OO, UGT e CSIF convocou protestas nos centros de maiores contra a “xestión escura” da Xunta de Galicia, que “mantén traslados e condicións extremas sen tratar coas organizacións sindicais as condicións laborais durante a pandemia”.
No tocante á “limitación” das vacacións do persoal, o Goberno autonómico recuou e aceptou as reivindicacións das centrais, non así no relativo ás peticións dos sindicatos de “reforzar o persoal dos centros de xestión directa, a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados, a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores a xornada completa, e a posta en valor do traballo e esforzo realizado durante a actuación de emerxencia por mor do Covid-19“.
As concentracións, expoñen as centrais, continuarán cada xoves (11.00 horas) ata que a Xunta acepte as súas propostas.
Desde UXT piden “que os recoñecementos da sociedade cambien a conciencia dos gobernantes e que demostren máis respecto ao persoal de Política Social devolvendo os dereitos recortados desde 2012 e mellorando as condicións laborais dos traballadores, que demostran día a día a súa profesionalidade e vocación coidando dos colectivos máis vulnerables nunhas claras condicións de discriminación con respecto aos doutras administracións”.