IniciosociedadeLuz verde aos orzamentos de Burela ao pactar PSOE e BNG actuar...

Luz verde aos orzamentos de Burela ao pactar PSOE e BNG actuar na vía do Río Cobo con cargo ao Plan Único

Socialistas e nacionalistas acordaron priorizar as obras na zona da Vila do Medio sobre a segunda fase en Rosalía de Castro, aumentando o gasto no SAF e contra os efectos do Covid-19

Publicada o

- Advertisement -

O goberno local socialista de Burela sacou adiante por maioría simple os orzamentos para o ano 2020 no pleno telemático celebrado o pasado xoves. As contas, cunha contía de 7,3 millóns, foron rexeitadas polo Partido Popular e motivaron a abstención do BNG, que desbloqueou a aprobación do presuposto tras acordar co Concello a modificación do programa de investimentos con cargo ao Plan Único, substituíndo a obra da segunda fase da rúa Rosalía de Castro polas actuacións na vía Río Cobo, da Vila do Medio, por arredor de 70.000 euros e considerada “máis urxente” dados os problemas de canalización da auga.

Con esa diferencia de cartos vanse aumentar os programas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 40.000 euros e o programa creado nesta convocatoria para gastos derivados do Covid-19 ata os 83.000 euros, que segundo indicou o goberno socialista “se poden incrementar a partir da liquidación”.

AXUDAS PARA COMERCIANTES E AUTÓNOMOS

O alcalde de Burela, Alfredo Llano (PSdeG-PSOE), asegurou que os orzamentos “atenden as necesidades básicas da veciñanza” e “contempla todo aquilo que faga falta para ter uns servizos abundantes e de calidade”.

“Hai que ter en conta que a estes orzamentos imos poder subirlles a liquidación do ano 2019, onde temos 450.000 euros en positivo que podemos empregar en diversos temas. Un deles vai ser unha axuda directa aos autónomos e aos comerciantes, que esperemos que sexa unha cantidade que podería oscilar entre os 100.000 e os 120.000 euros, ademais do que xa levamos nos orzamentos que son 35.000 euros máis. Tamén imos procurar botar unha man a situacións derivadas da pandemia en axuda social, atención domiciliaria, dependencia e todas aquelas políticas sociais que pensamos que agora mesmo van ter necesidade”, resaltou Llano.

No tocante aos ingresos, fundaméntanse nos impostos directos (2.600.000 euros), indirectos (67.000), taxas (1.625.000) e transferencias correntes (case 2.900.000).

No tocante aos investimentos reais, son 192.000 euros, un apartado “realista e adaptado ás obras máis urxentes”.

No relativo aos gastos, o investimento en persoal alcanza os 2.874.000 euros, incluíndo catro Risgas, os brigadistas contraincendios e dez prazas máis a través do Plan de Emprego do Plan Único. O fondo de continxencia ascende a algo máis de 23.000 euros, por se fose necesaria algunha modificación na aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) ou outro imprevisto. Os gastos correntes, bens e servizos ascenden a 3.600.000 euros.

PP: “ORZAMENTA 132.000 EUROS MENOS E RECADA 142.000 MÁIS”

O voceiro do PP, Manuel Rouco, criticou que o goberno socialista presentou os orzamentos “con seis meses de atraso, tras catro borradores e sen contar con nós“, e asegurou que, de descontar o importe do Plan Único (371.000 euros), os presupostos ofrecen “máis de 132.000 euros menos orzamentados mentres que se incrementa a recadación en máis de 142.000 euros en impostos directos, indirectos e taxas. Esa é a foto real” das contas, argumentou o concelleiro conservador, que afirmou que “cunha man ensina menos cartos mentres que mete a outra nos petos dos veciños”. “Isto podería considerarse casuístico senón fose nun contexto dunha crise gravísima por mor do Covid-19″, lamentou.

“Nos presupostos que presenta baixan en máis de 400.000 euros os gastos en investimentos reais, obras e subvencións, mentres que sobe máis de 400.000 euros o investimento dedicado aos capítulos de persoal e servizos xerais“, engadiu.

“Vostede quere aprobar un orzamento regresivo cando noutros municipios é expansivo“, lamentou Rouco, que alertou ademais “dun gravísimo defecto de forma“, remarcou, dado que “non está na documentación a memoria explicativa dos presupostos, legalmente esixible”.

No tocante á modificación do programa de investimentos do Plan Único, o PP requeriu o arranxo ou substitución do valado do campo anexo da Marosa, ademais dunha rede de saneamento separativa na rúa Río Cobo, aínda que finalizou por absterse.

BNG: “APROVÉITANSE MELLOR OS RECURSOS”

Pola súa banda, o voceiro nacionalista, Mario Pillado, sostivo que, “coas súas luces e sombras”, os orzamentos amosan en “políticas sociais, de emprego e de tecido comercial, houbo un cambio para mellor fronte ao inmobilismo de anteriores presupostos”, ademais “dun programa de investimentos no Plan Único máis acorde e real para satisfacer as necesidades da vila de Burela e cun mellor aproveitamento dos recursos”.

Con todo, a falta “da Relación de Postos de Traballo (RPT), que non se inclúe aínda”, o feito de que na escola de música “non se mellore a situación laboral” ou dúbidas sobre a Ocioteca, entre outras, motivaron a abstención do Bloque, que denunciou que o apartado de transferencias correntes demostra “o descenso” do investimento por parte de Xunta de Galicia e Goberno central en Burela, “448.000 euros menos con respecto a 2018”.

“Isto significa que mentres as administracións esquecen e discriminan a Burela a veciñanza ten que pagar esa situación do seu peto, vía impostos, e renunciar por agora a obras como o pavillón polideportivo ou, máis importante, a depuradora“, censurou.

OCIOTECA, RPT E ESCOLA DE MÚSICA

No tocante á Ocioteca, Llano admitiu que este servizo estival “estase complicando” coa normativa de seguridade -no tocante a desinfeccións, distancias interpersoais e límites de aforo e de cantidade de persoas nunha reunión- por mor da pandemia. “Non é doado e veremos se podemos facela, esperamos que polo menos si poidamos ofrecela durante un mes con garantías sanitarias”, indicou o rexedor, que así mesmo amosou dúbidas sobre o número de socorristas que financiará a Xunta. “Pedimos dez, pero aínda non sabemos nada”, indicou.

No relativo á Relación de Postos de Traballo (RPT), Llano avanzou que este mes se celebrará “unha nova xuntanza coa empresa que está elaborando o documento para estudar o mellor método de valoración dos postos de traballo. Despois haberá unha convocatoria da mesa de negociación”, indicou.

Finalmente, en relación coa escola de música, onde se denunciaran supostas contratacións irregulares e sen concurso público, o alcalde burelao expuxo que “por necesidade” se tomaron “medidas provisionais. Agora vanse engadir seis postos para un total de once e a selección farase calculo que no mes de xullo para que en setembro funcione con normalidade”, concluíu Llano.

RECOLLIDA DE LIXO

Unha das empresas participantes no proceso solicitou información sobre o controvertido contrato da recollida do lixo, que quitou o PSOE adiante tras modificar o seu voto o BNG.

Rouco prognosticou que esta petición “será o primeiro paso para a xudicialización do proceso”, o que evitaría “solicitar unha declaración expresa de que as empresas contratistas estaban de acordo co pleno de adxudicación do contrato”. Esta advertencia motivou o enfado de Llano, que asegurou que “agardo que vostede non teña nada con esa empresa da que parece voceiro”, e afirmou que o Concello “defenderase”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLO ALUMINIO

Aprobouse unha moción do BNG para derrogar a Lei Montoro, o PSOE tombou outra iniciativa do PP para creación dun paso peonil elevado asfáltico e a incorporación de tres novos báculos, coas súas correspondentes luminarias, na beirarrúa fronte ao cuartel da Garda Civil, e quedou pendente unha iniciativa de urxencia dos conservadores para aprazar o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Finalmente, decidiuse facer unha declaración institucional de apoio aos obreiros de Alcoa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...