O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo continúa paulatinamente en descenso. Segundo o reconto oficial ofrecido polo Sergas no mediodía deste sábado, na área lucense documéntanse 33 positivos, catro menos ca onte. O Hospital Público da Mariña continúa sen ingresados por Covid-19 e tampouco se detectan infectados nas residencias da bisbarra.
O único hospitalizado por coronavirus na provincia permanece en planta do HULA. Documéntanse un total de 32 casos en domicilio.
No tocante ao histórico da área lucense, faleceron 28 persoas a causa da pandemia, cinco delas na Mariña Lucense, ademais dun home que morreu na Uci de Burela tras superar o virus. Déronse 896 altas.
A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 542, deles 124 son da área da Coruña, 33 da de Lugo, 49 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 196 da área de Vigo, 110 da de Santiago, e 14 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en Uci, 26 están en unidades de hospitalización e 515 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.221 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 149.242.
