Os problemas económicos de Soil Recovery, adxudicataria de varios servizos de limpeza en Ribadeo, están a afectar á retirada do lixo. A empresa –inmersa nun procedemento concursal- deixou de retirar o lixo dos contedores amarelos, que acumulan envases de plástico, latas e bricks, e obrigou á suspensión temporal da recollida de cartón porta a porta.
CONTEDORES AMARELOS
O concelleiro de Xestión de Residuos e Limpeza Viaria, Jorge Díaz, afirmou que o goberno local “traballa para volver á normalidade o antes posible” e que a prioridade é retirar o lixo dos colectores amarelos “que están desbordardos”. “En poucos días poñerase outra empresa para actuar neses puntos en concreto por esixencias de salubridade e control”, afirmou.
o goberno local asegura que traballa para “volveR á normalidade o antes posible”
RECOLLIDA CARTÓN
No tocante ao servizo de recollida de cartón porta a porta –que se viña facendo martes e xoves-, o edil explicou que o concello decidiu “suspendelo de momento por prudencia para non colapsar máis o servizo ata que non se atope unha medida, que nos vindeiros días estará lista”.
CONTRATO
Jorge Díaz aclarou que, malia que a empresa levaba unha tempada con problemas, o concello recibiu este luns a comunicación oficial de que deixaba de prestar este servizo. “Hai uns tempos e formas estipulados pola lei que nos marcan e temos que seguir”, explicou o concelleiro.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
O PSOE ribadense responsabiliza ao goberno local da situación xerada. O seu secretario xeral, César Fernández Murias, acusa ao alcalde de “falta de previsión e de deixamento” ante un problema previsible xa que, segundo argumentou, “a empresa comunicou hai tempo que ía deixar de prestar o servizo”.
O PSOE acusa ao goberno local de falta de previsión e deixamento
O socialista explicou este domingo que “os contedores amarelos levaban máis de tres días sen ser atendidos, acumulando desperdicios e ocasionando malos cheiros, e o punto limpo “outros 10 días”, e incidiu na “pésima imaxe” que ofreceu o municipio en plenas festas patronais. César Fernández demandou a “retirada do lixo de forma urxente”.
LIXO ORGÁNICO
O concelleiro de Xestión de Residuos e Limpeza Viaria precisou que o servizo de recollida de lixo orgánico está a ser realizado por persoal municipal “sen ningún problema de funcionamento nin nada que ver cos servizos que desempeña esta empresa”.