Cervo acollerá, por segundo ano consecutivo, a Semana de Prevención de Incendios, que se celebrará no pavillón da Veiga, en San Cibrao, os días 24, 25 e 26 de setembro.
Promoven a actividade o Concello, a Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB). Alcoa colabora tamén co evento.
Esta iniciativa ten un carácter pedagóxico e, aínda que está aberta ao público, diríxese sobre todo ao alumnado dos colexios da bisbarra da Mariña. O obxectivo da actividade é que os nenos “aprendan a identificar os riscos que poden presentarse na súa contorna, adquiran hábitos preventivos e saiban como actuar en caso de emerxencia”, explicou o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares.
800 ALUMNOS NO 2017
O goberno local remitiu unha invitación por escrito a todos os centros educativos da comarca. Na pasada edición participaron nas xornadas de prevención máis de 800 escolares de toda a Mariña.