Milleiros de luces, unha por persoa -8.000 segundo a Garda Civil e 12.000 segundo os sindicatos- luminaron este sábado a noite de San Cibrao para dar azos aos obreiros de Alcoa na súa loita por manter a produción e o emprego na planta de aluminio, na que a multinacional presentou un Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) que afectaría a 534 obreiros, máis outros 400 de empresas auxiliares.
Os traballadores marcharon a través dun camiño a escuras desde o complexo industrial, vestidos con traxe de faena e velas, con cadaleitos e accionando as luces dos seus cascos, para simbolizar o apagón que suporía para A Mariña Lucense unha actividade, a produción de aluminio, que deu emprego de calidade nesta bisbarra durante catro décadas.
ANTÓN LOSADA: SE ALCOA PECHA “HABERÁ QUE FALAR DA GALICIA ASASINADA”
Na vila esperaba a veciñanza, cada quen coa súa vela ou o seu móbil, para acompañar unha marcha que finalizou na Praza dos Campos, coa lectura dub manifesto por parte do politólogo xovense Antón Losada.
«Estamos aquí para esixirlles a Pedro Sánchez e Feijóo que fagan o seu traballo, que interveñan esta planta. Non por caridade, senón porque os traballadores o merecen e A Mariña o merece. Non aceptamos un non por resposta», afirmou. Se pecha Alcoa, afirmou, haberá que falar de “Galicia asasinada” no canto de “Galicia baleirada”.
«Feijóo, escoita, A Mariña está en loita», «se non hai solución, Goberno dimisión» ou «A Mariña sálvase loitando» foron algunhas das consignas que berraron os manifestantes.
A MESA, O 23; O 25, O INICIO DO PERÍODO FORMAL DE CONSULTAS DO ERE
Foi unha demostración de apoio, unha máis, antes dunha semana chave na que os sindicatos sentarán á mesa multilateral coa empresa, Xunta de Galicia e Goberno central, o martes, e na que segundo a previsión de Alcoa comezará a negociación dun ERE que ameaza con deixar a escuras A Mariña Lucense. Aos obreiros, vista a resposta, non lles falta luz nin compaña no camiño.