EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, insiste en que a actual situación da factoría de aluminio primario, na que a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría a 534 obreiros da planta e a outros 400 traballadores de empresas auxiliares, vén derivada “dun problema político” e “se hai intención de solucionalo, haberá saída, e se non, pois non”.
Zan fixo estas declaracións antes da reunión da mesa multilateral de Alcoa, que se reunirá mañá, e na que están representados os traballadores, a dirección da multinacional, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.
“Temos que presionar ao Goberno para que nos poña un marco enerxético. E a partir de aí, logo diso, xa falaremos”, dixo Zan en declaracións a EFE. O presidente do comité de empresa precisou que os traballadores esperan que o Goberno de España “aprobe algo que sirva, chámese ou non estatuto”.
Para que a planta de aluminio primario de San Cibrao poida ter futuro necesita “un prezo da enerxía predecible” e “a longo prazo”, porque sen esa condición previa, non haberá xeito de garantir a produción e, consecuentemente, os postos de traballo.
O comité convocou para este xoves, día 25 de xuño, a partir das 12.00 horas, un concentración de protesta ante a Subdelegación do Goberno, en Lugo. Ese mesmo día está previsto que se inicie o período de consultas formal do ERE.
Está prevista tamén para este domingo, día 28 de xuño, unha caravana de vehículos que partirá pola mañá de diferentes municipios mariñaos e desprazarase ata a capital lucense.