A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu unha acusada de solicitar dous créditos a unha financeira a nome do que era o seu marido, que a denunciou no Xulgado de Viveiro. Tralo divorcio, o seu ex esposo, con motivo da solicitude dun préstamo hipotecario, foi informado de que estaba inscrito no ficheiro de morosos por manter unha débeda de máis de 12.000 euros derivada dos contratos de préstamo asinados. Sobre a falsidade documental, o tribunal indica que os documentos que asinou a acusada facendo figurar a firma do seu esposo se realizaron en 2005 e 2009, polo que o delito estaría prescrito.
A acusada e mailo denunciante estiveron casados desde 1999 ata 2016. O segundo traballaba como mariñeiro, pasado longas tempadas fóra da casa. A Audiencia considera probado que “aproveitando senllas ausencias laborais”, a procesada “ofreceu os seus datos persoais para a contratación de dous contratos de préstamo coa entidade Banco Cetelem. Un en 2005 por 22.654 euros e outro en 2009 por 21.291 euros.
“Esa substitución ou suplantación da identidade efectuouse neses dous contratos de préstamo e en ningún máis”, argumenta a Audiencia para absolvela da usurpación de identidade que lle imputaban. E, en canto, á estafa, salienta que “sería, no seu caso, e no ámbito do dereito privado, onde haberían de estudarse as obrigas que poida asumir o esposo respecto das asumidas pola esposa no seu nome”.