A Deputación Provincial de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago (USC) e coa Universidade de A Coruña (UDC), impulsa o proxecto ‘Life in Common Land’, consistente en “medidas para garantir un desenvolvemento sustentable” na Serra do Xistral, co obxectivo de conseguir a máxima rendibilidade neste espazo, que ten a catalogación de Rede Natura 2000 e de Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A iniciativa ten unha duración de cinco anos. O investimento no proxecto é de dous millóns de euros, financiados nun 70 por cento por fondos europeos (1,4 millóns), 212.000 euros da Deputación Provincial de Lugo, 198.000 da USC e 100.000 da UDC.
O PLAN AFECTARÁ A 5.000 HECTÁREAS
‘Life in Common Land’ vaise desenvolver nun espazo de 5.000 hectáreas na Serra do Xistral, nos concellos de Abadín, Muras, Ourol, Valadouro e Viveiro. Esta zona, dentro de Rede Natura, ten “restriccións de uso e aproveitamento do territorio, impostas pola normativa vixente”. A intención é demostrar que esta especial protección “é compatible co desenvolvemento social”. O proxecto contará coa participación directa dos propietarios e usuarios dos montes veciñais.
Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo, resaltou que se buscarán medidas “que garantan un desenvolvemento sustentable da zona e redunden na mellora da produción gandeira e forestal, na axilización de trámites e aspectos administrativos e tamén na conservación do rural, proporcionando un maior número de oportunidades”.
OS PROPIETARIOS, PARTE ACTIVA
Os encargados de executar estas medidas serán os usuarios e propietarios, que recibirán compensacións económicas de acadar os obxectivos marcados. Campos subliñou que este modelo aplícase noutros países europeos –Francia é un exemplo- para combater o despoboamento e conservar o medio ambiente.
Asistiron tamén ao acto Andrés Barreiro Lois, vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo da USC; Horacio Naveira Fachal, o adxunto ao vicerreitor de Política Científica da UDC; e o deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo.