InicioEn ProfundidadeColexios rurais agrupados, o último tren contra o despoboamento

Colexios rurais agrupados, o último tren contra o despoboamento

A escola rural abandeira a innovación educativa e a loita contra a perda de habitantes no Occidente asturiano

Publicada o

- Advertisement -

Os concellos máis occidentais de Asturias contan con catro colexios rurais agrupados (CRA), un modelo alternativo aos agrupamentos escolares que se xeneralizaron a partir da década dos 70 do século pasado. O CRA Ría del Eo, o CRA Tapia Castropol, o CRA Occidente e o CRA Oscos manteñen alta a bandeira da loita contra o despoboamento nos municipios máis próximos á provincia de Lugo, onde non queda ningún destes centros.

“Se deixamos morrer a escola rural, tamén teremos que esquecernos do leite, da carne, das verduras da horta, e de calquera potencialidade produtiva do rural, porque non haberá xente nova que traballe nel”, asevera Paco Rivas, director do CRA Ría del Eo, con escolas en Abres e Piantón, no concello de Vegadeo.

Alumnado do CRA Tapia Castropol nunha visita a unha panadería en Figueras

Este mesmo compromiso a favor dun rural sobresae no discurso de Asunción Fernández, que dirixe o CRA Tapia Castropol, con escolas en Serantes e Figueras. “Os servizos educativos son imprescindibles para fixar poboación, igual que os sanitarios. Ninguén vai elixir vivir no rural sen estes servizos. O lamentable é que non houbese antes esta sensibilidade, e que non se aplicasen outras políticas. As escolas que pecharon non volverán abrir”, lamenta a profesora, que leva 25 anos na educación neste medio.

ALTERNATIVA AOS AGRUPAMENTOS ESCOLARES

A Lei Xeral de Educación de 1970 cambiou o panorama educativo nas comunidades rurais en todo o Estado. As escolas unitarias pecharon e substituíronse por centros situados nas capitalidades dos concellos. O cambio no modelo de atención educativa seguiu ao despoboamento do medio rural, afogado pola falta de alternativas nun contexto de transformacións económicas.

O agrupamento escolar chegou para quedarse, pero nos oitenta o activismo dos movementos de renovación pedagóxicas e doutros axentes sociais a prol do equilibrio territorial conseguiron que a Administración abrise unha vía nova para o mantemento dos servizos educativos no rural coa posta en funcionamento dos CRA, centros escolares que agrupan baixo unha mesma organización escolas dun mesmo concello ou de varios.

A fórmula permite manter ao alumnado na súa contorna nas primeiras etapas educativas, pero o seu funcionamento  é homologable ao doutros colexios de infantil e primaria, cun único equipo directivo, un único claustro de profesores e un único consello escolar, ademais de proxectos pedagóxicos e didácticos conxuntos.

Galicia conta con 28 colexios rurais agrupados (CRA), ningún deles na provincia de Lugo

A explicación cómpre, segundo nos din os directores dos centros. “As persoas alleas ao mundo da educación pensan que falamos das escolas unitarias de antano, illladas, cun único profesor para todas as materias”, lamenta Fernández.

Nada que ver. Tanto o CRA Ría del Eo  -cun total de 49 estudantes – como o CRA Tapia Castropol –con 40- contan con 12 docentes, entre eles especialistas en diferentes áreas como en calquera outro centro de infantil e primaria.  Os medios e as instalacións das que dispoñen tamén se adaptaron -con diferentes velocidades en cada caso- ás esixencias da educación do século XXI.

Instalacións deportivas da escola de Piantón (CRA Ría del Eo). PACO RIVAS

No entanto, certo descoñecemento xeral do funcionamento destes centros semella lóxico, dadas as cifras. A rede educativa do Principado de Asturias conta só con 27 CRA. A da Xunta de Galicia, con 28, ningún deles na provincia de Lugo onde, pola contra, tres concellos –Ourol, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz– non contan con ningún centro educativo.

RETO PEDAGÓXICO

Ademais dunha oportunidade para o rural, os colexios rurais agrupados son un escenario propio para a innovación pedagóxica. Os mestres destes centros enfróntanse a un contexto ben diferente o do resto do profesorado, con clases reducidas –a ratio máxima nos CRA asturianos é de 13 alumnos- pero de idades moi heteroxéneas.

O alumnado agrúpase por ciclo ou etapa educativa, de forma que nunha mesma clase poden coincidir nenos e nenas que cursan desde 1º a 6º de Primaria. “Traballamos por proxectos, adaptando a metodoloxía á diversidade que temos nas aulas”, explica Paco Rivas. “Os alumnos aprenden de forma máis autonóma, máis participativa. E involúcranse moito co centro. É unha fórmula diferente, non é mellor nin peor”, razoa. “O que si constatamos é que moitas familias valoran moi positivamente a calidade do contexto educativo. Temos nenos de Ribadeo escolarizados aquí”.

A escola de Piantón pasou de seis alumnos en 2003 a trinta e catro en 2018

A relación coa contorna inspira e motiva moitos dos proxectos educativos que se desenvolven no centro. Sirva como exemplo este vídeo de concienciación sobre a problemática da vespa asiática realizado polo alumnado.

“Traballas ao nivel que che permite o maior, e os pequenos vanse adaptando, aprenden por imitación, dunha forma natural, como o fan tamén fóra do contexto escolar. O número de alumnos permítenos prestar unha atención máis individualizada, e un trato moi directo e persoal coas familias. Vémolos e falamos con elas todos os días, calquera pequena dificultade pode atallarse desde o principio”, subliña Fernández.

INCENTIVOS Á PERMANENCIA

A tarefa destes mestres ten un recoñecemento específico por parte da administración educativa. Os CRA son considerados “centros de difícil desempeño”, polo que o profesorado recibe unha puntuación engadida de cara a concurso de méritos e translados, pero a Consejería de Educación vén de anunciar unha retribución económica complementaria para os profesores que permanezan de tres a catro anos nestes colexios.

Aula da escola de Abres do CRA Ría del Eo. PACO RIVAS

Unha medida benvida polas direccións dos centros. “É necesario que os profesores permanezan certo tempo para que poidan sacar o maior rendemento do seu propio traballo. Ademais, as familias valoran moito a continuidade dos profesores“, di Fernández. “Creo que ademais sería importante que as administracións fixeran, en xeral, un esforzo por manter as instalacións destes centros nas mellores condicións posibles”, demanda.

A escola de Figueras, construída por un indiano, cumpre este curso cen anos de funcionamento como centro educativo

“É importante que se aposte pola continuidade do profesorado.Os colexios rurais deben ser como unha gran familia na que todos tiremos do carro“, opina Paco Rivas. “Como director, valoro moito que o profesorado teña un compromiso firme desde o principio”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...