Iniciosociedade(AMPLIACIÓN) Preguntas e respostas sobre a normativa que rexerá o peche na...

(AMPLIACIÓN) Preguntas e respostas sobre a normativa que rexerá o peche na Mariña

Os aforamentos limitaranse ao 50% e nas reunións non se superarán as dez persoas; o uso de máscara será obrigatorio en lugares abertos e pechados

Publicada o

- Advertisement -

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este domingo a normativa que regulará desde esta medianoite (00.00 horas) e durante cinco días o peche da Mariña Lucense, anunciado hoxe en rolda de prensa polo conselleiro de Sanidade, José Vázquez Almuíña. Ás restriccións ao movemento das persoas sumaranse medidas máis esixentes no tocante á distancia social para previr contaxios, despois de que se disparasen os positivos confirmados no brote da bisbarra, con 71 máis nos últimos catro días para un total de 106 detectados, dos que sete recibiron a alta.

Por normal xeral, segue rexendo a normativa aprobada o 12 de xuño, coas seguintes modificacións: a Xunta avaliará a situación epidemiolóxica “a diario” para decidir se prorroga ou revoga o peche unha vez pasados os cinco días.

QUE SIGNIFICA O PECHE?

Desde as 00.00 horas, non se poderá entrar na Mariña Lucense nin tampouco saír agás as persoas que teñan motivo xustificado: é dicir, traballadores que ben residan na comarca e traballen fóra ou sexan veciños doutros municipios pero desenvolvan o seu emprego na Costa de Lugo, transportistas ou vehículos comerciais, así como aqueles de prestación de servizos.

Outros supostos nos que estará permitido: o retorno ao lugar de residencia habitual; a asistencia ou coidado a maiores, dependentes, persoas con discapacidade ou especialmente vulnerables. Finalmente, por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Recoméndase á poboación que non se mova dos seus municipios, aínda que non estarán prohibidos os desprazamentos. Pídese que se limiten os movementos entre concellos na medida do posible e se apracen durante estes alomenos cinco días se non son urxentes.

A circulación polas autovías ou autopistas non estará limitada, cando se trate de mobilidade con orixe e destino fóra da comarca.

POR QUE SE TOMA ESTA DECISIÓN?

Sanidade confirmou 71 positivos nos últimos catro días e realizou só no día de onte 187 probas PCR, o que demostra a importancia do brote. A Xunta de Galicia descarta polo de agora que se producise unha “transmisión comunitaria” do virus -“todos os casos teñen unha relación clara”, afirma Almuíña- e considera que o foco está “controlado” e localizado na bisbarra. Con todo, adopta medidas para evitar que se espalle a outras comarcas -en principio documéntase unha persoa infectada en Lugo, que garda corentena e está relacionada co foco mariñao, ademais doutra no Occidente de Asturias, que traballa na Mariña- e haxa “un crecemento expoñencial” dos casos activos.

A QUE MUNICIPIOS AFECTARÁ?

O peche afectará a 14 municipios da comarca, dado que A Pontenova e Riotorto non pertencen ao distrito sanitario da Mariña Lucense; O Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Alfoz, O Valadouro, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e Ribadeo serán os concellos afectados pola norma.

CALES SERÁN OS LÍMITES DE AFORAMENTO?

Os aforamentos en establecementos profesionais e comerciais reduciranse como norma xeral do 75% ao 50%, así como nas bibliotecas, museos ou cinemas, tendo en conta unha limitación de dez persoas por grupo. En locais de hostalería só se poderá consumir en mesas e sentados, nunca en barra. Bares e cafeterías deberán pechar como moi tarde ás 00.00 horas.

Neste sector, as terrazas deberán estar como máximo ao 50% da súa capacidade no tocante ás mesas permitidas. Permítese aos Concellos autorizar aos negocios a ampliar a súa capacidade sempre que se garanta a distancia interpersoal, con agrupacións máximas de dez persoas por mesa, e cuns máximos de cen usuarios ao aire libre e 50 nos recintos interiores.

Mantense o aprazamento da apertura de pubs e discotecas, que si poderán abrir terrazas.

Os lugares de culto poderán acoller como moito a un 50% da súa capacidade total. No tocante ás celebracións como vodas ou comuñóns, nos restaurantes permitiranse un máximo de cen persoas en lugares ao aire libre e 50 en recintos interiores.

No tocante á capacidade máxima das praias, os Concellos deberán velar porque a superficie por usuario sexa de catro metros cadrados por persoa, que será a regra para calcular aforo e denegar os accesos de percibir posibilidade de aglomeracións.

Nos velorios e enterros, o máximo de aforamento será de 25 persoas en espazos abertos e de dez en espazos pechados -os límites estaban en 75 e 30 cidadáns, respectivamente-.

Nos mercados de rúa, os aforamentos pasarán tamén do ao 50%.

Os espazos comúns nos establecementos serán considerados de tránsito, non debendo utilizarse como lugar de reunión e conversa.

Pecharán as zonas recreativas infantís e as ludotecas. Non así os centros de lecer infantil, con aforamento reducido ao 50%.

ESTÁN AUTORIZADAS AS REUNIÓNS?

As reunións están autorizadas, pero serán como máximo de dez persoas non convivintes; esta normativa para evitar aglomeracións aplicarase a practicamente todos os ámbitos da vida social.

CANDO SE DEBE USAR A MÁSCARA?

A máscara será obrigatoria tanto nos lugares pechados como nos espazos abertos. “Viu para quedarse”, salientou o conselleiro. Nas praias deberase utilizar este elemento de protección en todo momento, agás no baño. En establecementos de hostalería usaranse tamén agás no momento do consumo de alimentos ou bebidas.

ESTÁ PROHIBIDO O DEPORTE?

Os ximnasios, coa mencionada redución de aforamento e a limitación de dez persoas como máximo por grupo, poderán abrir. Deberase usar máscara nos lugares comúns das instalacións deportivas.

No tocante ao deporte ao aire libre, recoméndase buscar lugares non concorridos e evitar os espazos habituais nos que se poidan producir aglomeracións, como as rúas dos núcleos urbanos, parques ou as praias, pois doutro xeito os deportistas deberán, de non poder asegurar a distancia interpersoal, utilizar de xeito imprescindible a máscara. Os grupos serán de dez ou menos persoas e non se permite contacto físico.

Nas piscinas, o aforamento estará como máximo ao 50% e disporase un límite de acceso de cen persoas. Igualmente, nunca se poderán agrupar máis de dez persoas, e utilizarase -coma nas praias- a máscara en todo momento agás na auga.

QUE PASARÁ COA ABAU?

As probas de selectividade (ABAU), para as que se agarda que se reúnan 305 alumnos da Mariña e Ortegal en Viveiro, poderán celebrarse “sen problemas” dado que as instalacións permiten gardar unha distancia interpersoal axeitada, explicou Sanidade, que deu o visto bo a un protocolo deseñado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os alumnos positivos ou confinados deberán examinarse en setembro, sen que iso altere os seus dereitos con respecto a os compañeiros que o fagan agora.

QUEN PODERÁ VOTAR?

Sanidade referiuse tamén ao voto para as eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xullo, dado que centos de persoas están confinadas na comarca malia seren negativas, por seren contactos directos dalgún positivo. Estes mariñaos poderán votar cumprindo coas medidas de seguridade, como o uso de máscaras. Non así os casos de Covid-19 confirmados ou aqueles que estean pendentes do resultado de proba PCR tras documentarse síntomas.

PERMÍTENSE OS DESPRAZAMENTOS PARA VOTAR?

Poderase desprazar unha persoa ao seu lugar habitual de residencia para votar? “As limitacións á mobilidade previstas nesta orde non poden afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o de sufraxio, polo que se considerará en todo caso xustificada a entrada ou saída do ámbito territorial delimitado para o exercicio deste dereito”, di a norma.

CALES SON AS RECOMENDACIÓNS PARA PREVIR O VIRUS?

Extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirse o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

QUE FACER DE PADECER SÍNTOMAS?

A febre, a sensación de falta de aire, os arrepíos, a diarrea, a dor de gorxa ou a perda de olfacto son os síntomas máis habituais do Covid-19. Quen os padeza debe chamar ao seu centro de saúde, e de non conseguir contactar, desprazarse ao mesmo. De ser grave a sintomatoloxía, o teléfono indicado é o 061. Outro teléfono dispoñible para síntomas leves é o 900.400.116.

QUE DEBEN FACER TURISTAS OU PERSOAS CON SEGUNDAS RESIDENCIAS?

Os turistas -ou persoas con segundas vivendas na Mariña- que queiran volver ás súas residencias poden facelo. De non marchar, disporán dun número de teléfono, o 881.00.20.21, a fin de asignárselle un médico e facer as probas oportunas.

Consulta nesta ligazón a normativa oficial. AnuncioC3K1-050720-1_gl

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...