Os bureleaos viven a situación con resignación. “Que lle imos a facer”, din nos círculos dos bares e restaurantes. Iso si, recoñecen que se nota o temor ao contaxio. “Desde que empezou o rebrote a xente ten máis coidado e úsase a máscara. Hai que aprender a vivir co bicho”, sinalan.
Nas terrazas antes cheas, agora os clientes cóntanse cos dedos dunha man. O mesmo ocorre nas praias, nas que se decretou un máximo de dúas horas de permanencia. Con todo, segundo apuntan os socorristas, a ausencia de bañistas fai innecesaria a norma.
Pola rúa poucos son os transeúntes, a actividade concéntrase na zona do centro nunhas xornadas nas que os veciños viven nunha mestura de sentimentos entre o temor ao contaxio e a incerteza acerca de como evolucionará a situación e as dúbidas sobre se o municipio vai estar pechado máis do cinco días anunciados.
PAU PARA BARES E HOTEIS
Na hostalaría lamentan o baixón de clientela. Alejandra, do céntrico bar Contraste, explica que a situación motivou que volvesen ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) catro persoas do local no que traballa “polo baixón” de actividade.
Conforme sinalou, por unha banda inflúe que “hai moita xente confinada de forma preventiva por contacto con contaxiados”, feito ao que se suma que outros burelaos deixasen de saír, “especialmente a xente máis maior por medo”.
Pola súa banda, o dono da cafetaría Atrezo considera que tamén veciños doutros concellos próximos deixaron de visitar Burela por temor aos contaxios.
Estar no epicentro do rebrote tamén deixa marca no sector hoteleiro. Así, xa son varios establecementos os que pecharon as súas portas tendo en conta que, segundo resaltan fontes do sector, “os turistas empezaron a irse cos contaxios”. Ademais, lamentan que, co peche da zona, as reservas están a ser canceladas.
O COMERCIO LOCAL, ANTE UNHA SITUACIÓN “DIFÍCIL”
Algúns negocios pechan temporalmente por algún contaxio ou pola necesidade de gardar corentena, outros por precaución. É o caso da perruquería Peinetes Kersa. Unha das socias que rexenta o negocio sostén que paralizar a actividade “é difícil” nun momento no que “comezabamos a volver á normalidade”, pero o contacto familiar con persoas vulnerables ao virus fai que tome esta decisión; “de nada nos vale a economía sen ter saúde”, argumenta.
As restriccións ao movemento inflúen tamén nas decisións dalgúns comerciantes, “porque nós temos xente de Cervo ou Foz, por exemplo, e aínda que non está prohibido cambiar de municipio a perruquería é algo que se pode pospoñer”.
“Para nós decidirnos a pechar non foi unha agonía como pode supoñer para outros negocios, pois non temos empregadas e polo tanto se despide a ninguén; se fose así sería unha decisión máis dura”. A perruquería vén de perder “unha época para nós fundamental, con comuñóns e vodas, ademais das festas patronais“.
O presidente da Acia, Miguel Flórez, que rexenta a tenda Nora Moda, ten unha problemática similar, afectado o seu negocio pola cancelación de eventos. Lamenta que “está todo moi parado; non pasa case ninguén pola rúa”. Considera que a campaña de verán “está perdida, tanto para a hostalería coma para o comercio. A partir do xoves que saltou todo xa se comezou a notar un baixón, pero o sábado a rúa estaba practicamente deserta, a xente ten medo e non sae”. Insta á precaución porque un novo brote máis adiante supón o peor dos temores: “sería terrible”.
PORTO E LONXA
A actividade tamén se resentiu no porto e a lonxa, onde empresas que chegan doutros lugares deixaron de prestar o servizo temporalmente e, segundo algúns hostaleiros, isto tradúcese en menos servizos de comedor. Con todo, segue habendo descargas de bonito e o resto da frota traballa con normalidade, tal e como indicou o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano.
Mentres tanto, o goteo de coches na zona habilitada para facer PCR‘s no Hospital Público da Mariña, situado precisamente en Burela, é constante. Hai colas continuas desde hai días, o martes, segundo o Sergas, fixéronse 283 probas para detectar a Covid-19.
OS PRIMEIROS CONFINADOS EMPEZAN A SAÍR
Con todo, o alcalde de Burela espera que aos poucos a localidade poida ir retomando o pulso aínda que recoñece que a situación “afecta negativamente ao tecido socio-económico, que se ve moi prexudicado”. Neste sentido, aínda que apunta que aínda “hai preto dun centenar de casos activos”, destacou que “precisamente este mércores cúmprese o prazo das primeiras corentenas decretadas, que xa poderán saír á rúa se todo é correcto”.
O rexedor confía en que “en canto este capítulo se peche a zona volva recobrar a confianza do turista e os visitantes, porque teñen moitos valores e é un lugar para vir”.
Llano subliñou o “gran esforzo que se está facendo para controlar a situación sanitaria e o inxente traballo realizado para localizar aos contactos dos primeiros contaxiados e cercar ao virus”.