IniciosociedadeBurela tenta saír do inverno

Burela tenta saír do inverno

Pechada por sumar a maioría de positivos do brote da Mariña, a vila centra as miradas mentres se reprega para levantarse: "tocou aquí porque tocou", din os veciños

Publicada o

- Advertisement -

A retranca, aínda nas duras: “chamoume agora un parente de Cervo para dicirme que agora si que xa estamos de verdade separados, a segregación completa”. A chiscadela sobre o pasado do concello cervense e máis de Burela, unha única entidade municipal ata decembro do 1994, agocha unha historia nada divertida: o familiar de José Manuel González, ‘Brais‘, contactou con el para desculparse porque non acudirá ao cabodano dunha persoa querida. É parte da letra pequena das restriccións ao movemento das persoas que conleva o peche do municipio burelao, illado pola Xunta de Galicia tras acumular a maioría dos 186 positivos confirmados dun dos brotes de coronavirus máis importantes do Estado.

A cantidade de pequenas trabas son incontables. O fillo de Brais, que reside a centos de quilómetros de Burela, está censado no municipio e, malia que ten autorización para desprazarse e votar, dubida se facelo. Por un lado, porque deberá cubrir unha distancia considerable para emitir o sufraxio e volver marchar. Por outra, porque hai preocupación polos contaxios que poidan producirse nunhas eleccións autonómicas sobre as que a práctica totalidade da oposición en Galicia e sanitarios da bisbarra reclamaron o seu aprazamento. O Tribunal Supremo avalou os comicios e os focos apuntarán de novo á vila o domingo.

MEMES QUE FIREN

As cámaras pousaron no municipio desde que o foco de coronavirus “de Xove”, detectado nunha familia do municipio xovense á altura do San Xoán, se converteu “no brote de Burela”, como o etiquetaron días atrás as autoridades sanitarias. Un meme circula por Internet: é un debuxo dunha praia ateigada onde sería difícil atopar a Wally, que se converte nunha desbandada cando un dos bañistas di, “son de Burela”.

“Na rúa hai moi pouca xente, facendo as cousas indispensables; ocio ves pouco ou nada”, afirma Brais, que traballa como xerente da Fundación Expomar, entidade organizadora dunha feira náutico-pesqueira que exemplifica a importancia da pesca para o municipio. Os portos da Mariña, incluíndo o outro referente portuario da comarca, Celeiro, ofreceron o 30% do peixe fresco descargado en Galicia durante o estado de alarma.

O COMERCIO E A HOSTALERÍA, CASTIGADOS POLO VIRUS

Para o comercio e a hostalería, o revés “é tremendo”, remarca Brais. Aínda que a maioría dos negocios fixeron un esforzo por continuar a ofertar os seus produtos, outros preferiron pechar de forma preventiva. Conforme se foron confirmando os positivos, a xente foi diminuíndo nas rúas e nas terrazas, en parte polos confinamentos dos contactos de infectados, que se contan por centos, e en parte pola preocupación ante posibles contaxios, especialmente entre a xente maior. Moitos turistas marcharon e outros moitos cancelaron estancias.

“A sensación é de tristura e impotencia, de cansanzo. A xente está preocupada”, explica Brais, porque un brote a estas alturas era o peor dos escenarios posibles. “A veciñanza e os comercios sacrificáronse desde marzo e cando rematou o estado de alarma comezaba a verse o verán cun certo optimismo; pero isto é un pau”, remarca.

SEN PRIMAVERA

Na tarde do pasado 6 de xuño, en plenas patronais, a avenida de Arcadio Pardiñas, a que atravesa a vila, estaba deserta. O coronavirus provocara a anulación da inmensa maioría dos actos previstos. Das ventás colgaban as habituais bandeiras, pero na rúa apenas se escoitaba o ruído dalgún coche. Daquela irromperon as gaitas de Dambara, arredor dunha ducia de persoas. Nas caras dos músicos -tamborileiros, pandereteiras- non se reflectía nada semellante á ledicia. Pero tocaban. Á fronte, dous dos integrantes do grupo portaban unha pancarta: “vivan as festas de Burela”.

Praza precintada. JUAN MAYA

Entre os gaiteiros, o director, Albano González, que recorre ao clima para expresar un estado de ánimo: “falaba agora mesmo na rúa cunha veciña de que ata parece que o tempo está en contra da Mariña; levamos uns días cun nordestazo…”, salienta. Remarca isto porque é xullo, aínda que non o parece. A primavera ficou oculta aos ollos dos veciños por mor da corentena e no inicio do verán apenas se ve movemento. Parece que non se saíse por agora do inverno.

A xente tómao con “resignación“, explica González, ao que por outra banda non lle queda moita máis opción que resignarse. Como traballador da cultura, destaca o tsunami que supuxo o coronavirus para o sector. “Ninguén fala de nós, pero temos todos os eventos cancelados desde a Semana Santa“, remarca. Na asociación -con 100 alumnos e cinco profesores-, “o 80% dos ingresos veñen de actuacións, só o 20% vén de subvencións e cotas de socios”, subliña.

“NAS PANDEMIAS NON HAI CULPABLES”

Tocou en Burela porque tocou“, revólvese González, “pero non porque se fixesen as cousas extraordinariamente mal, peor ca noutros sitios”. Para apoiar o argumento explica que, malia que por agora non se detecta incidencia de coronavirus no Principado, visitou zonas de Asturias “onde hai o costume de xuntarse para tomar sidra” e veu “aglomeracións inexplicables”. Insiste na idea de que, sen menosprezar a responsabilidade que ten cada quen de cumprir o que establecen as autoridades sanitarias, unha pandemia é un problema suficientemente complexo como para buscar culpables das infeccións.

“Hai unha estigmatización e estamos a escoitar como volven discursos de localismos absurdos, que non se corresponden co acolledora que foi sempre esta vila”, sinala González. Refírese a algúns comentarios sobre o impacto que tivo o brote de coronavirus na comunidade de orixe caboverdiana: a integración é unha tarefa que xamais acaba.

42 NACIONALIDADES

Burela é un concello novo, como boa parte dos seus habitantes: aínda que nos últimos anos non foi capaz de manter a tendencia, no 2018 era o único municipio da provincia de Lugo con máis residentes menores de 20 anos que maiores de 64. Parte desa savia nova que o distingue entre o unánime envellecemento poboacional é de orixe estranxeira: mentres a idade media dos nacidos no municipio roza os 44 anos, a dos residentes de procedencia foránea é de 36. Os inmigrantes supoñen o 20% do alumnado na comunidade educativa. A xente de Cabo Verde abriu paso, a partir de finais dos 70, e hoxe contabilízanse burelaos de 42 nacionalidades diferentes.

“Sen eles, a pesca sería inviable”, admite o patrón dun barco. Burela deu oportunidades. Os migrantes fixeron Burela.

A MOCIDADE, SINALADA

Cando un suceso provoca medo, priorízase o quen sobre o por que. “Houbo relaxación, e eu asúmoa o primeiro, iso está claro e temos que ser realistas. Debe servirnos para aprender”, sinala Jairo Campo, profesor burelao de 26 anos. Algúns dos seus amigos resultaron positivos; el deu negativo na proba malia compartir xuntanzas con eles. “Púidome tocar perfectamente. Foi un pau; ao principio velo moi lonxe, pero despois faste consciente do perigo; a posibilidade de traer o virus para a casa, de contaxiar a alguén dos teus…”, explica.

A Xunta fixo fincapé na mocidade e no ocio, apuntando que a media de idade dos contaxiados ronda os 35 anos. Malia que non elude que deberon tomar máis precaucións, ao docente moléstalle que se poña á xente nova no disparadoiro. “Creo que todos nos relaxamos e paréceme inxusto criticar a un rango de idade. Ponse o foco na xente de 20-30 anos, pero ao final somos as persoas que máis saímos e máis socializamos, levabamos meses respectando o confinamento e sen ver á nosa xente, así que en parte é lóxico que o collamos. Penso que sen vacina non vai haber nunca normalidade e non se pode apuntar a ninguén. Isto supera a todo o mundo”, remarca.

MILLEIROS DE PROBAS NO HOSPITAL

“Só hai casos en Burela?”, pregúntase Campo. Os seus amigos resultaron asintomáticos e iso faille pensar que o virus está circulando por outros sitios da xeografía galega. “Non digo que haxa focos tan importantes coma este, pero estou seguro de que se atoparían positivos se se fixeran, como aquí, milleiros de PCR“, opina.

As probas superan as 3.000. No Hospital Público da Mariña sucédense as análises, das que derivan positivos e tamén centos de negativos, que por precaución gardan corentena igualmente. Por veces, o centro hospitalario de Burela parece unha ITV, con ducias de coches agardando pola quenda para ser testados.

CANDO O PRESIDENTE APUNTA CO DEDO

A hostalería tamén estivo no punto de mira. “Sentou moi mal a cantidade de novas que saíron nas televisións estatais e o tratamento informativo”, explica Brais, que resume o sentir dos titulares dos negocios. “Temos praias, un dos portos pesqueiros máis importantes de España, un produto identificativo como o bonito, coa súa Feira, pero parece que non se lembran de nós en todo o ano ata que hai algo negativo”, salienta.

A fachada do restaurante Casa Miranda, situado no porto, sae na tele “todos os días ás tres e todos os días ás nove”, expón o seu propietario, José Prieto. O empresario pechou temporalmente o local o pasado 26 de xuño, “cando un traballador informou de que un familiar dera positivo”. Dos seis obreiros do persoal, tres resultaron infectados. “E os nosos clientes deron todos negativo”, remarca.

Pero agora sente que “xa é tarde, porque se me xulgou como un foco de inicio do virus. Fun sinalado publicamente, polos políticos e tamén por algunha xente daquí”, lamenta. Aínda que non quere afondar, refírese ás declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que situou a orixe do brote da Mariña “en dous ou tres bares do peirao, xa pechados”, cando as autoridades sanitarias non atoparan o paciente índice. “Agora, diga o que diga non vale nada, porque unha mentira contada mil veces pode máis que unha verdade”, argumenta.

BULOS

Cales foron os bulos que circularon sobre o local? “Que tiven que ingresar no hospital, que nos precintara o bar a Garda Civil, cando fun eu quen pechei e podería abrir mañá mesmo de contar con novo persoal…”, enumera. “Cando abramos o bar vai haber medo, porque iso queda no subconsciente da xente, e quenes veñan non o van facer tranquilos”, suspira Prieto, que resiste para “pagar os soldos dos empregados sen ningún ingreso”.

A SOMBRA DO PECHE DE ALCOA PLANEA SOBRE A COMARCA

No estado de ánimo da xente de Burela, ademais das restriccións e da preocupación porque non se propague o virus, pesa tamén a nube enorme que planea sobre toda a comarca da Mariña, a situación de Alcoa. Centos de veciños poderían perder o seu traballo se a multinacional aplica o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio, que suporía 534 despedimentos na factoría e outros 400 en auxiliares. “Hai unha pregunta habitual: que fixemos nós para merecer isto?”, di Brais.

A xente de Burela non ten que remontarse demasiado no tempo para atopar crises na historia da vila, como a Guerra do Bonito. “En parte algo dese espírito está a revivirse”, afirma Brais, “porque ás persoas cando se lles toca o próximo tenden a unirse“. Esa é a solución que ve González, que lembra que “nos 90 desguazaron cen barcos, foi terrible pero saíuse”. É outro momento chave para a comarca e para o municipio.

AGOSTO

Logo duns minutos de conversa, Prieto fala do mes de agosto. “Imos desinfectar todo a fondo, gravalo e poñelo no Facebook para que a xente o vexa, ter máscaras para os clientes…”, indica. E o que conta é como escoitar a música que soa ao lonxe no medio dunha rúa deserta. Mira para diante sen ledicia, pero mira para diante.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...