En concreto, o presidente de Federación de Comercio da Mariña, José Paleo, fixo fincapé en que “o 60% do emprego da comarca depende do comercio e a hostalería“, dous sectores que están a ver como a Covid-19 está a levarse ao traste a campaña de verán, que supón o 25% dos ingresos anuais, despois de xa acabar coas rebaixas e a tempada de Semana Santa.
Por iso, en nome do sector, Paleo demandou ao presidente da Xunta en funcións “que se acorde, que mire para a comarca e lle tenda unha man, para reactivar unha zona moi danada con medidas que permitan aproveitar os recursos e poñelos en valor, potenciando a industria e cun paquete de medidas para potenciar o emprego”.
O presidente dos comerciantes debuxou unha situación preocupante como consecuencia do brote: “Cando empezaban a retomar a actividade, dunha maneira aceptable freamos en seco. O consumo de proximidade freouse, non hai xente nas rúas e os turistas se han ido e cancelaron reservas”, lamentou.
Así mesmo, tamén fixo mención á situación inestable de Alcoa, que significa un 30% dos ingresos da provincia de Lugo. Sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional, con 534 despedimentos na planta de aluminio e outros 400 en auxiliares, argumentou que a ameaza de despedimentos está “retraendo o consumo” e indicou que “se o peche vai para adiante as consecuencias serán nefastas para o comercio local”.
PERDAS MILLONARIAS
Pola súa banda, os hoteis da comarca están a botar o peche desde que o pasado luns, 6 de xullo, se declarou o confinamento da comarca. Este feito levou a que as reservas, de case o 100%, se cancelasen.
Neste sentido, a hostalaría de Ribadeo cifrou as perdas, no que vai de brote, nuns cinco millóns de euros. Así o puxo de relevo, o hoteleiro ribadense e membro da asociación local de comerciantes, Acisa, David Rivas. “A comarca é amplamente dependente do turismo. Os hoteis e restaurantes non están a facer caixa, pero ademais os traballadores que contaban ter un emprego durante a campaña de verán tampouco teñen ingresos”, incidiu.
“A Feijóo pedímoslle axuda para saír. O que pedimos é un plan que nos ofreza unha solución. Que non se esqueza, que nos bote un cable, senón as consecuencias serán irreparables e cunha boa planificación poderíanse salvar mellor a situación”, declarou Rivas.
CAMPAÑA DE MÁRKETING
Precisamente, este luns, os comerciantes da Federación mantiveron unha reunión co presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto, para que este organismo colabore co sector e implique a todas as administracións no reflote da economía e o sector produtivo desta comarca lucense.
Paleo resaltou que “temos que dar un paso adiante entre todos para poñer en valor á Mariña e non anular completamente parte dos eventos suspendidos senón que imos ver se podemos reactivar aqueles que poidamos facer, a través de xornadas na hostalería, e dar a coñecer nos medios e nas redes todo o posible a Costa lucense, que estivo danada días atrás e temos que poñernos en marcha de inmediato”.
Pola súa banda, Cajoto lamentou a “mala imaxe que tivemos esta tempada na prensa nacional e en todos os medios, como a televisión, focalizando o confinamento da Mariña, que non é tal senón unha limitación de movementos. Isto provocou unha alarma e medo, que non debería haber senón respecto ao virus. E o que estamos vendo son números de venta moi baixos tanto no pequeno comercio como no sector da hostalería”.
Mancomunidade e comercio acordaron enfocar unha campaña de márketing, “enfocada sobre todo ás redes sociais, para que se visualice o bo que temos e como se están desenvolvendo aquí as medidas, como o uso de máscaras, a disposición das mesas, etcétera, e como é un destino sen aglomeracións e como podemos traballar ben, con tranquilidade”.
Cajoto subliñou que “a idea é enfocar a imaxe da Mariña, recuperar ese pulo que íamos conseguindo e para o que o coronavirus resultou ser un auténtico mazazo.