InicioEconomíaO BNG acusa a PSOE e Podemos de "furtar o debate" sobre...

O BNG acusa a PSOE e Podemos de “furtar o debate” sobre a intervención de Alcoa

A moción de urxencia presentada polos nacionalistas non será debatida no pleno desta semana

Publicada o

- Advertisement -

Nesta semana estaba previsto que fose debatida no pleno do Congreso dos Deputados unha moción do Bloque Nacionalista Galego sobre política industrial que, entres outros puntos, solicitaba a intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, logo de que a compañía presentase un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría e as empresas auxiliares, e tamén a intervención de Alu Ibérica -á que pertencen as fábrica de Avilés e A Coruña-, para garantir a continuidade da actividade e salvagardar os postos de traballo, en ambos os casos. Finalmente, esta moción urxente non será incorporada á orde do día, porque así o decidiron PSOE e Unidas Podemos, con maioría na Mesa do Congreso.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, acusou ao bipartito do Goberno do Estado de “furtar o debate” sobre esta iniciativa, “consecuencia dunha interpelación á Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presentada polo deputado nacionalista Néstor Rego no último pleno do Congreso realizado no 24 de xuño. É sorprendente que a Mesa do Congreso decidise que o pleno desta semana fose extraordinario e non se incorporasen á orde do día as mocións urxentes consecuencia de interpelación, como a do BNG, que pedía a nacionalización de Alcoa”.

“É O MOMENTO NO QUE OS PARTIDOS TEÑEN QUE PRONUCIARSE”

Rego considera “escandaloso” que a maioría da Mesa, conformada polo PSOE e Unidas Podemos, “furte un debate que é fundamental neste momento e ademais urxente”, dado que se acaba o tempo para que Alcoa decida pór en marcha o ERE e fechar a planta de aluminio. “Este é o momento en que todas as forzas políticas teñen que pronunciarse co seu voto no Congreso a favor dunha proposta que xa se evidencia como a única posible para conseguir que Alcoa manteña a actividade na Mariña e se preserve a totalidade dos postos de traballo” destacou o deputado do partido frontista.

O propio Goberno prevé, no Decreto 25/2020, un fondo para a intervención en empresas estratéxicas que pasen por unha situación de crise. Rego fai fincapé nesta cuestión para resaltar que, “precisamente por iso, resulta aínda máis rechamante que non estea disposto á intervención pública tanto de Alu Ibérica como da planta de aluminio en San Cibrao cando están en xogo miles de postos de traballo e a continuidade dunha actividade que é estratéxica para o noso país, para Galiza”.

É por iso que o BNG insiste en que “é necesaria a actuación urxente do Goberno, tanto do Ministerio de Industria, de quen depende a política industrial, como do Ministerio de Traballo, que ten as competencias sobre as políticas de emprego, para garantir a continuidade da actividade e do emprego”.

RECLAMA Á XUNTA QUE ENTRE NUNHA INTERVENCIÓN

“Entendemos ademais que a Xunta da Galicia non pode pórse de perfil nesta materia e ten que estar disposta a entrar nunha operación de intervención pública de Alcoa que lle dea perspectiva de futuro aos traballadores e ao conxunto da poboación da Mariña”, explicou o deputado nacionalista.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...