JUAN MAYA. A Policía Nacional informou da detención de dous homes en Viveiro, un deles por violencia de xénero e outro por un roubo con forza.
Na tarde do luns 20, a Comisaría de Oviedo informou dunha denuncia formulada en contra dun veciño de Viveiro por ameazar á súa ex parella empregando as redes sociais. Na orde solicitábase o afastamento e a prohibición de comunicarse con ela.
O denunciado acudiu voluntariamente á Comisaría de Viveiro pola noite ao decatarse de que estaba a ser buscado pola Policía. Foi posto a disposición xudicial á mañá seguinte, decretándose a súa posta en liberdade coa medida de afastamento.
A INFORMACIÓN DOS VECIÑOS, CHAVE PARA O SEGUNDO ARRESTO
Por outra banda, sobre as 04.00 horas da madrugada do martes 21 de xullo, os funcionarios da Comisaría detiveron no seu domicilio a un home, como presunto autor dunha tentativa de roubo nun locutorio do casco antigo da cidade. O varón forzou a porta do comercio para poder acceder ao seu interior, mais non chegou a roubar nada.
As informacións que aportaron os veciños permitiron aos axentes seguir o seu rastro e localizalo no seu domicilio, onde foi arrestado presentando feridas por cortes que coincidían cos danos que tiveron lugar no locutorio.
O mércores 22 foi posto a disposición xudicial e finalmente decretouse a súa liberdade.