A Audiencia Provincial de Lugo resolveu reabrir o caso da turista vallisoletana de 24 anos Irene Baladrón, que faleceu o pasado 31 de marzo na praia das Catedrais ao recibir mentres paseaba o impacto dunha rocha na cabeza.
No pasado mes de xuño, o Xulgado de Instrución número 1 de Mondoñedo desestimou o recurso de forma interposto pola familia da moza, e confirmou o arquivo da causa ao interpretar que non había indicios de criminalidade e que o falecemento foi accidental.
Sen embargo, a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo advirte de que “antes de adoptar calquera decisión que poña fin á investigación, resulta prudente concretar determinados datos”. Así, o tribunal insta a declarar, “en calidade de investigados”, aos dous vixiantes da praia para averiguar os lugares e horas concretas ás que se produciron os desprendementos de rochas e cando se produciron os avisos”.
A FAMILIA CULPA ÁS ADMINISTRACIÓNS
A familia da falecida insiste na responsabilidade das administracións ao xulgar que as autoridades eran sabedoras de que o escenario no que se produciu o accidente presentaba un problema de inestabilidade nas súas estruturas xeolóxicas, e aínda así decidiron manter aberto o areal.