Os Bombeiros de Barreiros excarceraron esta tarde a unha persoa que quedou atrapada no interior do seu vehículo tras sufrir un accidente cando circulaba pola estrada do municipio barreirense que vai á praia de Altar.
Nada máis recibir a chamada do alertante o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia informou ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, tras chegar ao punto, confirmaron que era necesaria a intervención dos Bombeiros. Así, os xestores do 112 puxeron os feitos axiña en coñecemento dos profesionais do parque de Barreiros e da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez liberado, o ferido foi trasladado en ambulancia polo persoal sanitario ao Hospital da Mariña.