A Consellería de Sanidade descoñece a orixe da infección dun de cada cinco casos de coronavirus detectados no brote da Mariña. En concreto, dos 263 casos PCR positivos entre o 23 de xuño e o 27 de xullo na Mariña, 216 están vinculados entre si, pero “no resto dos casos, aínda que moitos deles forman agregados, non se pode saber cal foi a súa posible fonte de infección”. Actualmente documéntanse na bisbarra 42 positivos, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) aos medios de comunicación.
Así figura nun auto do Xulgado contencioso administrativo número un de Lugo no que se fai mención a un informe do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, que arroxa estas cifras.
A Consellería de Sanidade mantivo publicamente, tanto nas notas de prensa enviadas como nas comparecencias públicas dos seus dirixentes, a mensaxe de que non existía transmisión comunitaria no brote da Mariña, se ben na normativa aprobada para adoptar medidas restritivas a fin de evitar contaxios recoñecía certa “transmisión oculta”, que agora se concreta en cifras.
Esta resolución do xulgado ratifica as medidas adoptadas o pasado 29 de xullo pola Consellería de Sanidade en relación co control do brote da Mariña.
Ademais, no auto faise referencia á boa evolución que traslada o informe da incidencia do brote, dado que na anterior análise reflectíase unha taxa positiva do 9,4% nos PCR realizados, mentres agora baixa ao 7,6%. Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.