O Concello de Viveiro, a través da concellaría de Cultura, pon en marcha este fin de semana ‘De Ruada’, un novo proxecto que aposta pola cultura de rúa e polo factor sorpresa como medida anti aglomeracións. Haberá máis actuacións das previstas e cada semana anunciarase a programación correspondente.
‘De Ruada’, co slogan ‘cultura de rúa para a xente das rúas’, celebrarase as fins de semana polas estradas de Viveiro, Celeiro e Covas. Cun formato de pasarrúas, pretende que a cidadanía se atope coa música por sorpresa garantizando a distancia social.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, tras verse na obriga de recolocar os espectáculos de gran formato para o ano próximo e mantendo o compromiso coa cultura e o sector cultural local que manifestara durante o confinamento, propuxo esta alternativa para continuar coa programación do concello.
Así naceu ‘De Ruada’, un proxecto pioneiro que explora outros formatos de facer cultura, de entreter e manter a tradición dunha programación cultural sólida e de calidade no municipio.
Para esta primeira fin de semana de agosto apostouse por La Mala Vida, Latexo Percusión, Tempus Fugit, Cantos de Taberna e Joni Ramos, que ofrecerán a viveirenses e foráneos unha programación que mixtura os ritmos e instrumentos tradicionais con proposta máis vangardistas e ritmos de swing, jazz e rock&roll.
BAL Y GAY
Ademais, o concello acollerá este mes dúas actuacións do VII Festival de Música Bal y Gay, un certame de gran calidade que naceu en Foz e que este ano se amplía a outros concellos da Mariña, entre os que se inclúe Viveiro.
O 16 de agosto, ás 18.00 horas, na Praza Maior, terá lugar o concerto de Arco Iris, co espectáculo ‘O Mundo soa’, un concerto didáctico para toda a familia que nos levará a coñecer as distintas músicas de todos os continentes do noso planeta.
O 18 de agosto, ás 20.30 horas, na Igrexa de San Francisco terá lugar o concerto do Cuarteto Cosmos con Luis Cámara (clarinete), unha oportunidade única para disfrutar da arte destes artistas de amplo recoñecemento nun marco de excepción.