O Pescados Rubén Burela FS acadou a súa primeira vitoria do curso na Segunda División, logo de dous empates nas dúas primeiras xornadas. O primeiro triunfo dos discípulos de Juanma Marrube outorga prestixio ao conxunto pola contundencia do resultado (4-1) e pola entidade do rival, o filial de El Pozo, vixente campión de Liga.
A vitoria cobra aínda máis valor porque o Burela FS foi capaz de superar unha situación adversa tralo temperán 0-1 do conxunto murciano. No minuto 7, Cobarro puxo por diante aos visitantes, pero a reacción dos locais non se fixo esperar.
Acto seguido, Renato empatou o encontro e no minuto 9 Pope deu a primeira vantaxe aos bureleses, que xa non soltarían o mando do encontro. Matamoros puxo máis terra de por medio no marcador antes de cumprirse o primeiro cuarto do encontro.
SEGUNDO TEMPO SEN HISTORIA
Na segunda metade, Renato disipou calquera atisbo de dúbida ao anotar axiña o 4-1, no minuto 24. De aí ao remate, El Pozo Ciudad de Murcia tentouno con xogo de cinco pero non foi quen de inquietar a Edu.
VINDEIRO RIVAL
Na vindeira xornada, o Pescados Rubén visitará o sábado (Ciutat de Castelló, 17.30) a un Bisontes Castellón ferido tras encaixar unha dura derrota (4-0) na pista do Betis.