A trixésimo quinta edición da Feira do Libro de Foz celebrarase a vindeira semana, de xoves a domingo, na Praza Conde de Fontao. O evento, presentado hoxe na casa da cultura, contará co pregón da poeta natural da localidade Natalia Alonso, gañadora no 2019 do premio ‘O Facho‘ de poesía.
A libreira focega Cielo Fernández explicou que a feira “vaise celebrar dende o xoves 20 ao domingo 23, o penúltimo fin de semana de agosto, como vén sendo habitual en Foz. E o horario da feira, tamén coma sempre, vai ser de 17.30 ata as 22.00 horas. A inauguración será o mesmo xoves que abre a feira, ás 19.00 da tarde e correrá a cargo da poeta de Foz Natalia Alonso”, expuxo.
No tocante aos actos paralelos da feira, “que normalmente estamos habituados a ver, como as presentacións ou as actividades infantís, non se poden desenvolver polas condicións sanitarias porque o protocolo é moi estrito e non o permite. Pero si vai haber presenza de escritoras e escritores, que estarán asinando nunha caseta especialmente acondicionada, para a seguridade tanto deles como dos visitantes”, engadiu Fernández.
A representante da Federación de Librarías de Galicia engadiu que están “moi ilusionados con poder facer esta feira, un ano máis, a pesar das dificultades, pero é unha cita importante pola que a xente me pregunta habitualmente”.
A propia Alonso, Elba Pedrosa, Estefanía Padullés, Martín Fernández Vizoso, Antonio G. Reigosa, Manuel Portas, María Soliño, Rober H. Cagiao, Nazaret López, Abraham Pérez, Víctor Vázquez, Antía Yáñez, María Xosé Porteiro e Pepe Peinó asinarán libros na feira.
Participarán as librarías Cortizas, Aenea, Padre Feijóo, Bahía e maila Deputación de Lugo.
OS LIBROS OFRECEN “A OPORTUNIDADE DE VIAXAR CO MAXÍN”
Pola súa banda, o alcalde, Fran Cajoto, destacou que “desde sempre, por parte de todas as corporacións locais, Foz aposta pola Feira do Libro, polos libreiros, pola cultura, por un medio que nos trouxo en época de Covid-19, en marzo, unha oportunidade de viaxar dunha forma distinta, que é viaxar cos pensamentos, coas imaxes, co noso maxín, á fin e ao cabo, e evadirnos desa negatividade que había nun momento complicado”.
O rexedor focego expresou o seu desexo de que o evento “sirva para achegalo á xente, que sexa unha escusa para mercar esa fábrica de soños e para que tanto os nenos como os maiores non enganchemos á lectura”. Finalmente, concluíu que “está é a trixésimo quinta edición, é a feira decana na Mariña e na provincia de Lugo e estamos moi orgullosos dela”.
Tamén interviñeron a xefa territorial de Cultura da Xunta en Lugo, María José Gómez, e o responsable de Publicacións da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Xan Ramiro Cuba.