Vilanova de Lourenzá celebrará este domingo, día 30, unhas festas do Conde Santo diferentes debido ao Covid-19. Están organizadas polo Concello e pola Asociación Patrimonio Laurentino, colectivo de nova creación que se vai presentar nesa xornada de actividades.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anunciou que “este novo colectivo ten como obxectivo a recuperación do patrimonio do concello, vaise presentar aos veciños ese día”.
As actividades organizadas polo Concello son un concerto da Banda de Música de Foz programado para as 13.30 horas e unha actuación da charanga BB+ ás 20.00 horas.
E os actos da Asociación Patrimonio Laurentino son a saída dos Cocos acompañados polo grupo local de música tradicional Souto Xímaro, ás doce do mediodía, e ás 21.00 horas haberá outra actuación da mencionada agrupación, a presentación da Asociación Patrimonio Laurentino e a proxección do Mouchiño de Pablo Cid.
A continuación a charanga BB+ volverá animar as rúas de Vilanova de Lourenzá para rematar a xornada festiva. Todas estas actividades, que contan coa colaboración da Deputación de Lugo, terán lugar na Praza do Conde Santo.