JUAN MAYA. A Concellería de Servizos Sociais de Burela continúa coa campaña de concienciación social por mor da Covid-19. Baixo o título de “Garda os teus contactos”, o Concello pretende reforzar as medidas de seguridade mediante a difusión de información nas rúas.
Diversos profesionais -entre os que se encontran, por exemplo, médicos, deportistas, psicólogos e influencers locais-residentes en Burela serán os encargados de supervisar que os cidadáns “teñen as mans limpas, fan un bo uso da máscara e manteñen a distancia de seguridade”. Entre os participantes estarán a directora do Hospital da Costa, María José Cortés, o veterinario Germán Quintana ou a farmacéutica Catalina Caamaño, entre outras persoas.
Dende o Concello lembran a importancia de minimizar a lista de contactos directos, así como a definición que emprega o Sergas: “calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de dous metros e durante máis de 15 minutos sen as medidas de protección adecuadas”.
Carmela López explicou que a iniciativa naceu porque recibían dúbidas a través das plataformas dixitais nas que ten presencia o Concello e “decidimos que era unha boa oportunidade”. Así mesmo a edil clarificou que se trata de “reforzar o aprendido durante estes meses coa intención de manter a situación baixo control e non paralizar a nosa vila e a nosa comarca de novo”.
O municipio de Burela padeceu coma ningún outro o brote localizado na Mariña á altura do San Xoán, que fixo que a Consellería restrinxise a entrada e saída libre do concello.