O BNG do Valadouro presentou dúas mocións para debater no vindeiro pleno, o 3 de setembro, relacionadas co inicio do curso escolar e o coronavirus. Por unha banda, o grupo municipal nacionalista propón a creación por parte do Concello dunha liña de axudas para a compra de ordenadores portátiles, destinada aos estudantes do municipio. Por outra banda, pide a dotación de rede wifi en todas as infraestruturas sociais e educativas do territorio municipal.
No tocante á primeira das iniciativas, o Bloque valadourense pretende buscar unha alternativa á posibilidade de que se retomen as clases non presenciais ao haber brotes. Deste xeito, avoga por garantir que todas as familias poidan ter recursos para acceder a unha educación telemática de calidade.
“Barallando a posibilidade de que parte do curso académico non fose presencial, proponse unha liña de axudas que cubra polo menos o 50% do importe para mercar un ordenador portátil para a realización de tarefas escolares, destinado a estudantes veciños do concello, cun máximo de 300 euros por alumno, tendo que ser debidamente xustificada a súa compra así como o seu uso, pois trátase dunha iniciativa vinculada exclusivamente ao ámbito da formación educativa”, argumentan os concelleiros nacionalistas.
Con respecto á segunda proposición, o BNG local considera que “nun concello rural é de vital importancia para o seu desenvolvemento que a veciñanza dispoña dunha rede Wifi aberta. Atendendo deste xeito as necesidades de comunicación, sobre todo na acualidade, cando o teletraballo se está a significar como a ferramenta do futuro”. Deste xeito, ínstase á corporación a respaldar un acordo para dotar de internet inalámbrico a todas as escolas e centros sociais do termo municipal.