Trátase dun vello debate, pero o coronavirus púxoo de novo -e con maior intensidade- enriba da mesa. Malia que hai case dúas décadas que a normativa prohibe a pesca deportiva nos portos galegos, a tradición de pescar ‘chipiróns‘ ou luras nos peiraos da Mariña Lucense resiste de xeito clandestino. Cada vez menos, posto que nos últimos meses, a raíz da pandemia, a Capitanía Marítima aumentou a vixilancia sobre unha actividade que reúne a veciños e turistas. Iso é o que afirman os afeccionados, que piden que se suavice a norma; un oco no peirao.
“Desde o ano 2002 está prohibido e aínda non temos moi claro por que”, expón un pescador habitual do porto de San Cibrao, que concreta que se ben “ao longo dos anos se nos deixou pescar, agora a partir do Covid-19 están a desaloxarnos seguido”.
Este pescador alega que a pesca recreativa no porto de San Cibrao “non molesta aquí aos barcos pesqueiros, porque neste peirao queda apenas unha lanchiña”, e sostén que se trata dunha actividade segura no tocante a evitar contaxios. “Estamos a unha distancia dun metro e medio e todos levamos máscara“, remarca.
Ao contrario, argumenta, as opcións que lles deixan os axentes constitúen un maior perigo. “Dinnos que vaiamos pescar ás pedras, que non podemos estar no porto. Pero moita desta xente ten sesenta e pico anos, setenta ou mesmo oitenta. Poden caer e de feito xa houbo incidentes graves, persoas que se golpearon na cabeza e precisaron rescate”, remarca.
“SENTÍMONOS DELICUENTES POR ALGO QUE FACEMOS DESDE SEMPRE”
Segundo a maior apertura ou o apego á norma dos axentes, os pescadores deportivos fican no porto ou son instados a marchar, unha situación que aumenta a confusión. “Non hai un patrón porque non está claro por que non podemos pescar alí. Sabemos que nalgúns sitios houbo conflitos polos sitios“, admite, “pero aquí en San Cibrao nunca tivemos ningún problema”.
“Non pedimos o porto enteiro para nós, senón que nos fagan un oco no espigón ou onde sexa; que delimiten un sitio un tempo no que poidamos pescar e se collen catro ou cinco persoas nada máis, pois listo. Parécenos inxusto porque hai actividades moito máis perigosas que non están penalizadas e nós temos que pescar ás agochadas, coma se fosemos delincuentes“, sostén.
CREN QUE AS RESTRICCIÓNS “SON MAIORES” NA MARIÑA
Afirma que as restriccións son maiores “desde Ribadeo ata O Vicedo“, polo que lle contan pescadores doutras provincias que non tiveron problemas, e sinala que as amonestacións e advertencias -posto que por agora non se tramitaron multas– aumentaron cando o peche da Mariña decretado para conter o brote.
“Hai turistas que viñeron vivir expresamente a San Cibrao para poder pescar no porto todas as noites, sexa verán ou inverno”, explica o afeccionado consultado, que resume que botar un lance cada día “é a vida destas persoas. Esta tradición é moi importante para moita xente e de acabarse perderiamos turismo“, sostén. A tranquilidade da noite, a charla e, por suposto, as capturas son algúns dos atractivos dunha actividade que se debate entre a lei e o arraigamento.