Unha muller resultou ferida na mañá do xoves tras sufrir un accidente na pastelería na que traballaba, situada na Avenida de José Antonio, no concello lucense da Pontenova, segundo informou o 112 Galicia.
A traballadora estaba a moer améndoa nunha máquina cando lle quedou atrapada a man no aparato. O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Pontenova debeu intervir para liberar a man da traballadora.
DISPOSITIVO
O accidente produciuse sobre as 11.00 horas e a obreira foi levada nada máis quedar liberada ao Hospital da Costa pola ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias. Tamén foron convocados os bombeiros de Barreiros e axentes da Garda Civil e Protección Civil.