Os tres partidos da corporación municipal de Burela –PSdeG-PSOE, PP e BNG– chegaron a un acordo para que a historiadora Herminia Pernas sexa cronista oficial do Concello. Así pois, será proposta para o cargo no vindeiro pleno ordinario, o 24 de setembro.
“Cremos que merece este traballo e vai ter o apoio dos tres grupos. Pensamos que é unha boa fórmula para motivar a Herminia para que faga esta labor”, expuxo o rexedor burelao, o socialista Alfredo Llano, que resalta que se trata dunha persoa que “amosou constantemente” a súa “vocación” por Burela. Deste xeito, de aceptar a proposta, Pernas exercerá “unha representación da vila moi merecida”.
Pernas fora proposta para o cargo polo goberno municipal socialista na anterior lexislatura, en marzo do 2019. A doutora en Historia e docente -imparte clase no IES Monte Castelo– renunciara daquela ao non haber consenso sobre a súa idoneidade para o posto, dado que o Partido Popular abstivérase na votación.
De aprobarse o nomeamento, a investigadora sucedería ao párroco Benjamín González Quelle, falecido en maio do 2018. Sería a terceira persoa en ocupar o posto, que estreara o tamén sacerdote Ricardo Pena Domínguez, finado no 2006. Burela levaba pois sen cronista oficial desde hai máis de dous anos. “Penso que o municipio necesitábao e que vai facer unha labor extraordinaria”, afirma Llano.
Pernas, doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, ten afondado no papel do xénero feminino en publicacións como ‘Esquecidas pola historia: as mulleres compostelás entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX‘ ou ‘Historia das mulleres en Galicia‘.