O curso comezará este xoves nos centros educativos de toda Galicia para o alumnado e profesorado de 4º e 5º de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria e Educación Especial. Será un inicio do exercicio cargado de polémica coa Xunta de Galicia no ollo do furacán polas condicións sanitarias nas que se iniciará a actividade, con preocupación por posibles contaxios de coronavirus, cun protocolo tardío e unha falta de concreción sobre os recursos para acometer gastos de limpeza e desdobres que desata críticas.
ENTREGA DE MÁSCARAS PARA “ALIVIAR ÁS FAMILIAS”
A última delas, na véspera do inicio, foi do Concello de Barreiros, que “ante a falta de previsión da Xunta, con competencias en materia de educación”, lembra, fixo entrega dunhas 300 “máscaras infantís doadas pola Deputación Provincial de Lugo nos colexios de San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante“, a fin de “aliviar un pouco ás familias que, polos motivos que sexan, teñen dificultade para poder adquirilas”. Os elementos de protección serán obrigatorios a partir dos seis anos, e os estudantes deberán levar alomenos dúas unidades, unha de reserva, aos centros educativos.
O goberno local barreirense censurou que o Executivo autonómico non foi “ata uns días antes do comezo de curso de presentar uns mínimos protocolos de actuación, deixando nas mans de cada centro a adecuación dos mesmos e delegando funcións nos Concellos, “incapaces de facer fronte ás esixencias cada vez maiores da Xunta, que se desentende das súas funcións tanto en educación coma en sanidade ou noutros campos, afogándonos una vez máis”, comenta Montse Porteiro, concelleira de educación.
O Concello e os dous centros educativos asumirán as limpezas e desinfeccións extras que se deben efectuar en todos os centros educativos para manter as instalacións seguras e libres de xermes. Esta asunción de obrigas e competencias “sobrecarga aínda máis as arcas dos concellos pequenos e en situación límite “sen ningún tipo de compensación por parte da Xunta de Galicia e sen que nin sequera fose notificada formalmente esta nova obriga”, lamenta Porteiro.
EN VIVEIRO REALIZARANSE TAREFAS DE LIMPEZA TAMÉN POLA MAÑÁ
De igual xeito, o Concello de Viveiro comunicou que está a realizar as xestións oportunas para levar a cabo as modificacións necesarias nos contratos de limpeza existentes, co fin de manter este servizo nos horarios que anteriormente se viñan prestando en cada centro e, a maiores, realizar labores tamén en horario de mañá, a fin de que “as zonas comúns dos colexios estean nas mellores condicións hixiénicas durante a estancia do alumnado”.
Ademais, o goberno local viveirense informou da realización estes días de probas de detección da Covid-19 a todos os conserxes das instalacións municipais, como os dos centros educativos ou o pavillón, “con resultado negativo todas elas”. Ademais, estes traballadores recibiron unha sesión formativa sobre as pautas e protocolos a manexar.
FOLGA DE DOCENTES, CUNHA CONCENTRACIÓN EN RIBADEO
A xornada de inicio de curso coincide cunha folga de profesorado convocada por CIG, CC.OO., STEG e CSIF, co obxectivo de reclamar á Xunta que realice o investimento necesario para contratar persoal, reducir alumnos por aula e compensar os gastos extraordinarios por mor da aplicación do protocolo de adaptación dos centros á situación provocada pola Covid-19. Algunhas asociacións de pais e nais respaldarán a protesta, aínda que na maioría dos casos o alumnado acudirá previsiblemente ás aulas.
Coincidindo coa folga docente, están convocadas concentracións ás 11.30 horas ante a Consellería de Educación, en San Caetano, ante os edificios administrativos da Xunta en Ferrol, A Coruña, Vigo e Lugo, ante o Concello de Ribadeo, a xefatura territorial de Educación en Ourense, o Concello de Verín, no Barco, na praza da Peregrina de Pontevedra, na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa, e ante o Concello de Cangas do Morrazo. Toda a información no Galicia Confidencial.