A Dirección Xeral de Patrimonio nega que o parque eólico proxectado nas Sasdónigas vaia afectar ao xacemento coñecido como Cabana da Vella, inventariado e incluído no PXOM de Mondoñedo como un campamento militar romano, aínda que pendente dun estudo arqueolóxico definitivo.
Trala reclamación de En Marea da paralización do proxecto polo achado dunha moeda e un cravo no espazo onde se ubicará o parque, fontes de Patrimonio subliñan que o proxecto conta co respaldo das pertinentes investigacións arqueolóxicas.
As mesmas fontes sinalan que “a promotora do parque eólico, Norvento, financiou unha intervención arqueolóxica realizada por técnicos cualificados e que contou coa supervisión dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio”.
As probas realizadas consistiron na realización de “múltiples sondaxes arqueolóxicas e monitorizouse o recinto con detectores de metais, dando un resultado negativo”.
“A 70 METROS DO EXTERIOR DO BEN”
Con todo, sinalan estas fontes, séguese a considerar o xacemento como un ben integrante do Patrimonio Cultural e Etnográfico. Por iso, “o parque eólico retirouse un total de 70 metros do vestixio máis exterior do ben cultural”. Así, conclúen, “está correctamente proxexido e non está afectado polo parque”.
ACHADOS
Respecto dos achados, Patrimonio confirma que se trata “dunha moeda emeritense de Augusto” e fala dunha “posible piqueta“. A partir de agora, indica, “estudaranse os restos atopados e verificarase a súa asociación ao contexto arqueolóxico da descuberta”.