InicioEconomíaAlcoa mantén a reunión das consultas do ERE este luns pero cita...

Alcoa mantén a reunión das consultas do ERE este luns pero cita antes a “última” reunión da mesa multilateral

A minutos para acabar o prazo para unha venda da fábrica de aluminio, a multinacional garda silencio sobre as conversas, o que xera incerteza entre o persoal e a veciñanza da Mariña

Publicada o

- Advertisement -

A multinacional Alcoa convocou mañá luns, 28 de setembro, a “última” reunión mesa multilateral -coa presenza de comité de empresa, sindicatos, Xunta de Galicia e Goberno central– para fiscalizar a evolución do proceso de venda da planta de aluminio de San Cibrao, cuxo prazo de negociación -entre a titular da factoría e a potencial compradora, a siderúrxica británica Liberty House– remataba este domingo. A cita, segundo a convocatoria da propietaria, será telemática e comezará ás 9.30 horas, con remate unha hora despois.

Para as 12.00 horas, no Pazo de Cea de Nigrán, está prevista a xuntanza entre Alcoa e a parte social a fin de retomar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio, que ameaza os postos de traballo de 534 obreiros da factoría e doutros 400 traballadores de empresas auxiliares. Alcoa mantén esta convocatoria; deste xeito, os sindicatos presentaranse na vila pontevedresa malia que no momento de peche desta información, as 23.19 horas, aínda non se esgotou o prazo para un acordo.

Por agora non trascendeu máis información sobre a negociación entre Liberty House e Alcoa, que garda silencio sobre as conversas, coa participación das Administracións autonómica e estatal, que ofreceron días atrás unha mediación non aceptada pola propietaria.

Ao longo das últimas semanas, a propietaria acusou á potencial compradora da falla de avances na negociación, mentres que tanto o comité como os sindicatos atribuíron á titular das instalacións “mala fe” e escasa vontade de vender, máis ben a intención de “boicotear” un novo proxecto industrial do aluminio en San Cibrao, dado que ven “claro e conciso” o plan de Liberty House. As propias Administracións pedíronlle tamén á multinacional estadounidense que fose “consciente” da necesidade dunha venda.

OS OBREIROS, FIRMES EN NON ASINAR A PARADA DE CUBAS

Os traballadores recibiron este domingo o apoio multitudinario da Mariña, nunha manifestación na que milleiros de persoas percorreron as rúas de Xove para clamar por unha venda ou pola intervención da planta de non frutificar un acordo entre as empresas. Na protesta confirmaron que non aceptarán ningunha proposta da empresa que pase pola parada das cubas de electrólise, pois entenden que suporía “a morte” do complexo industrial de San Cibrao, incluída a refinería de alúmina -que emprega a outras 500 persoas, demandando tarefas doutros 400 obreiros das contratistas- á cal auguran unha vida curta sen a instalación irmá.

Os obreiros terán o apoio dos seus compañeiros na negociación, mañá en Nigrán. Solicitan a aqueles que queiran participar que o fagan a partir das 15.00 horas, dado que agardan “unha noite longa”. Este domingo compartiron un vídeo de agradecemento á veciñanza da Mariña polo seu compromiso durante meses de loita por manter a produción e o emprego. Unha pelexa que continúa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...