A unidade que cubría o único servizo diario de tren Ferrol-Ribadeo -que continúa cara Oviedo– avariou este mércores en Foz, segundo confirmou a través das redes sociais a plataforma na defensa do ferrocarril que conecta o norte de Galicia e Asturias.
O convoi, que parte ás 8.20 da cidade ferrolá, avariou a metade de camiño, sobre as 11.30 horas, e os pasaxeiros tiveron que ser trasladados ao seu destino en autobús. A indencia tamén supuxo a parada do tren que circula, a partir das 7.30 horas, desde Asturias cara Ferrolterra, e que debeu deterse en Ribadeo.
Os usuarios de tren veñen denunciando desde hai anos “o abandono” do servizo, con constantes avarías que conlevan atrasos ou supresións, unha situación á que se engade a redución de frecuencias que Renfe mantén desde o estado de alarma, cando suprimiu tres dos catro horarios diarios da liña Ferrol-Ribadeo.
Renfe condicionou “ao aumento da demanda” a recuperación dos horarios, o que os usuarios do ferrocarril ven imposible sen frecuencias “básicas” e suficientes, de ida e volta, para garantir a posibilidade de desprazarse ao lugar de traballo, estudo ou centro médico, unha dificultade que se agrava cos fallos técnicos da maquinaria pola “falta de mantemento”.
A plataforma, que mantén unha recollida de sinaturas en change.org pola restitución dos horarios suprimidos, lembra que Renfe “cobra do Estado as denominadas Obligacións de Servizo Público (OSP); é decir, o Estado ingrésalle cartos por prestar servizo en zonas que non teñen alternativa de transporte, das que se resta o importe dos billetes emitidos”.