InicioDeportesPrometedora estrea da Liga en Vista Alegre, cun claro triunfo do Burela...

Prometedora estrea da Liga en Vista Alegre, cun claro triunfo do Burela FS ante o Cartagena (5-2)

Catro dos cinco tantos do Pescados Rubén tiveron sabor galego, obra de Diego Quintela (2), Pitero e Lucho; Matamoros completou a vitoria dos de Juanma nunha sólida actuación

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS protagonizou este sábado un prometedor inicio de Liga na Primeira División, cun claro triunfo ante os seus afeccionados sobre o Jimbee Cartagena (3-1).

Abriu o marcador no minuto 8 unha das fichaxes do equipo da Mariña Lucense para a presente tempada, Diego Quintela. O arzuano, que chegou a Vista Alegre coa bitola dun gran anotador, aproveitou un centro do canteirán Pitero para poñer por diante no marcador aos discípulos de Juanma Marrube.

Non durou demasiado a renda dos locais, xa que Juan Emilio equilibrou o electrónico un minuto despois.

Iago Míguez, que non chegou por pouco a un pase de Matamoros, tivo o 2-1 pasado o primeiro cuarto de encontro. Tres minutos antes do descanso, Quintela rematou coa testa un envío de Javi Rodríguez para dar de novo vantaxe aos locais. Co mínimo botín dos burelaos chegou o descanso.

Á volta dos vestiarios, no minuto 22, Pitero anotou o 3-1, coa segunda asistencia da tarde de Rodríguez. O terceiro tanto foi unha inxección de enerxía para os de Vista Alegre, que se mostraron como un equipo sólido na estrea da competición ligueira. Mellado, un dos máis destacados do cadro murciano, disparou ao longueiro nunha das mellores oportunidades do Jimbee Cartagena.

CARTÓN VERMELLO A JUAN EMILIO POR AGRESIÓN A DAVID PAZOS

Antes da media hora, Juan Emilio complicaba aínda máis o remonte dos visitantes tras agredir coa cabeza a David Pazos, despois dunha discusión tras sinalarse unha falta. O futbolista do Jimbee Cartagena viu o cartón vermello directo.

O cadro local non foi quen de rentabilizar no marcador a superioridade numérica, e no treito final do encontro o Cartagena aumentou a intensidade tentando marcar un gol que o enganchase ao encontro. Edu, seguro na portería aos seus 41 anos, rexeitou un disparo de Solano e Javi Rodríguez tivo que despexar o balón baixo paus cando o banquiño visitante cantaba o 3-2. Segundos despois, Marinovic disparou ao pau. Froito da presión dos pupilos de Duda, o Burela FS cometeu a quinta falta.

Cando os afeccionados -con aforamento reducido, dun máximo de 300 persoas no pavillón por mor da Covid-19– estaban a sufrir polas dificultades dos locais para conservar a súa renda de dous tantos, saíu a relucir a calidade de dous dos xogadores chamados a desequilibrar os encontros para o Pescados Rubén. A sete minutos para o desenlace, unha combinación entre Diego Quintela e o veterano pivote Matamoros supuxo o 4-1.

EDU DESBARATOU DOUS DOBRES PENALTIS

Non se rendiu o Cartagena, que forzou a sexta falta. Edu axigantouse ante Andresito e non só evitou un gol do rival, senón que iniciou o 5-1 do Burela FS, que chegou tras un rápido contraataque que finalizou Lucho.

O equipo visitante tentouno co xogo de cinco, respondendo Juanma ao recurso de Duda tamén co porteiro-xogador en canto puido. Nos últimos minutos, o triunfo dos da Mariña Lucense non perigou. Tiña un gardián seguro en Edu, que detivo un novo dobre penalti, desta volta a Franklin. O porteiro naronés, con todo, encaixou o segundo tanto á terceira tentativa do Jimbee, que asumiu Bebe.

Foi o último momento estelar dunha prometedora vitoria do Pescados Rubén Burela FS, no que se notou o sabor galego que a directiva pretendeu darlle ao equipo: catro dos cinco goles -os dous de Quintela, o de Pitero e o de Lucho- foron de xogadores nacidos en Galicia.

RETRANSMISIÓN CORTADA POLA LNFS

A Liga Nacional de Fútbol Profesional (LNFS) denunciou a retransmisión do encontro a través das redes sociais do club laranxa, o que lle impediu ao Pescados Rubén Burela FS ofrecer aos seus siareiros imaxes e comentarios de xornalistas e especialistas sobre o encontro.

“Lamentamos non poder continuar coa emisión do encontro debido á ilegal denuncia da Liga e a LNFS, coa que nos veremos nos tribunais. Somos humildes pero temos coraxe”, censurou a entidade mariñá.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...