EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, asegura que o ánimo dos traballadores da planta de Cervo “está ben”, no inicio da segunda xornada de folga indefinida no complexo industrial, porque “a xente confía en que os políticos cumpran a súa palabra”.
En declaracións a Efe, Zan recordou que “foron moitos os políticos que saíron a falar da intervención” pública do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, e ademais “de moitos partidos diferentes”.
Por iso, opina que “se todos están de acordo, non ten que haber problema ningún”.
En todo caso, o comité espera noticias por parte da Administración, porque está previsto que hoxe se produza unha reunión con “representantes do Ministerio de Industria e da Xunta de Galicia” para coñecer os pasos que están dando os Gobernos central e autonómico.
“En teoría, a reunión vaise producir hoxe, pero de momento non temos concretada a hora”, dixo Zan. A xuntanza será por vía telemática.
En canto ao futuro inmediato da factoría, o comité opina que a solución podería ser “unha expropiación para facer unha venda inmediata a outra empresa e así evitar problemas xurídicos na Unión Europea“.
“Supoñemos que irá por aí. Pero agora temos que saber que alcance ten a intervención, se afecta á planta de aluminio só ou tamén á de alúmina. Temos que saber como será. Tamén se por parte da Administración houbo contactos con Alcoa ou non. Se cadra Alcoa recapacita e accede a vender”, concluíu.
APOIO DO PERSOAL DA ANTIGA FERROATLÁNTICA
O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e centrais hidroeléctricas) achegouse este luns, día 5 de outubro, até San Cibrao para trasladar o seu apoio e solidariedade aos compañeiros da fábrica de Alcoa na súa loita en defensa dos empregos e da continuidade da produción.
DÍAS DE INCERTEZA POLO FUTURO DUNHA INDUSTRIA CHAVE PARA A MARIÑA
Alcoa e sindicatos non chegaron a un acordo no período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego presentado pola multinacional na planta de aluminio. A empresa negouse previamente a vender a factoría, rexeitando ofertas da siderúrxica británica Liberty House e da Sepi. A titular das instalacións podería comunicar nos vindeiros días un despedimento colectivo, que afectaría a máis de 900 empregos entre a factoría e a industria auxiliar; o persoal espera que as Administracións garantan o mantemento do emprego e da produción nunha fábrica chave para a comarca da Mariña.