A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou este luns de que o Ministerio do Interior vén de licitar un proxecto da Dirección Xeral de Tráfico para aumentar a seguridade viaria na autovía do Cantábrico, a A-8, en condicións meteorolóxicas adversas de néboa densa. Trátase da obra para a instalación de novas balizas detectoras que se colocarán no treito situado entre os puntos quilométricos 545,400 e 549,680.
Rodríguez explicou que a Dirección Xeral de Tráfico dedica 1,02 millóns de euros a este proxecto de instalación de novas balizas detectoras, co que se trata de “reducir o tempo no que se producen os cortes de circulación” por motivos de seguridade na autovía, é “complementaria” do “innovador proxecto” no que traballa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a selección do sistema antinéboa. O prazo de execución é de seis meses.
Segundo expón o Executivo estatal, preténdese que as balizas “permitan diminuír a 30 metros a distancia de visibilidade na que é necesario cortar o tráfico pola autovía que actualmente é de 40 metros, o que suporá poder manter máis tempo en servizo a A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco. De acordo cos datos históricos dos que dispón a Dirección Xeral de Tráfico, calcúlase que esta medida permitirá gañar aproximadamente un 75% de efectividade da mesma”, argumenta o Goberno central.
As balizas que instalará a Dirección Xeral de Tráfico actívanse ao paso dos vehículos, de xeito que ao ser detectado un acéndese unha luz vermella que segue a súa traza, avisando así da súa presenza aos que poidan circulan por detrás para evitar posibles alcances, e outra luz de cor ámbar delimita o trazado da autovía, o que lles serve de guía aos condutores no momento que a néboa comece a causar dificultades na visibilidade.
A SELECCIÓN DE SISTEMAS ANTI-NÉBOA, EN MARCHA
Pola súa parte, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana asinou nos últimos meses todos os contratos coas empresas seleccionadas para deseñar o sistema de protección antinéboa da autovía A-8. Na primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora investiranse máis de dous millóns.
A Compra Pública Innovadora desenvólvese en competencia por fases temporais que son de carácter eliminatorio, ata seleccionar as mellores solucións para resolver o problema da néboa; as empresas participantes ofrecerán o deseño, a construción e a experimentación con prototipos de solucións innovadoras para facerlle fronte a néboa nunha zona de proba anexa ao treito da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.
Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados.