A poetisa Luz Pozo Garza (Ribadeo,1922) foi nomeada este xoves Filla Adoptiva de Viveiro. A corporación aprobou por unanimidade a proposta para distinguir a autora presentada polo goberno municipal. O recoñecemento deu respaldo institucional a unha iniciativa a que se adheriron asociacións e colectivos de todo o concello ademais de persoas a título individual como o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal.
A corporación municipal deu respaldo a unha inicitiva cidadá que contou coa adhesión de diferentes colectivos e asociacións
Durante o pleno deste xoves, todos os grupos políticos destacaron a traxectoria literaria e o compromiso feminista da autora, voz fundamental da poesía galega dende a publicación de O paxaro na boca (1952) ao que seguirían Concerto de Outono, Códice Calixtino, Prometo a flor de loto ou Deter o día cunha flor, entre outros poemarios e ensaios.
A autora mantivo desde a súa crianza unha estreita vinculación con Viveiro onde viviu e exerceu como docente nas décadas dos cincuenta e sesenta. A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro leva o seu nome desde o pasado mes de xuño. O claustro do centro solicitou o cambio de nomeamento para adherirse á campaña #NomearnosEnLila, impulsada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade .