IniciosociedadeMáis dun cento de negocios de Ribadeo, tamén de hostalería, aceptarán a...

Máis dun cento de negocios de Ribadeo, tamén de hostalería, aceptarán a moeda local Pancha

Por cada 30 euros, as persoas interesadas recibirán 40 para gastar no comercio local, desde o 9 de outubro ao 1 de novembro

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 108 establecementos comerciais e hostaleiros de Ribadeo adheriuse á Pancha, a nosa moeda local, que dará comezo mañá, 9 de outubro, ata o 1 de decembro. A campaña está organizada polo Concello en colaboración con Acisa, a Deputación de Lugo e Abanca.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Economía e Turismo, Pablo Vizoso, amósase satisfeito pola alta participación: “a cifra indícanos a boa acollida que a campaña está a ter no tecido comercial e hostaleiro de Ribadeo. Na primeira edición participaron algo máis de 80 establecementos e nesta segunda o incremento é notable e importante”, sinala.

MOVERANSE 150.000 EUROS

O edil ribadense subliña que “o obxectivo da Pancha é dinamizar a economía local e dar liquidez aos sectores máis afectados pola crise sanitaria da Covid-19”. E lembra que “unha das novidades deste 2020 é que a pancha tamén poderá empregarse na hostalería, ademais de no comercio e no sector servizos. Outra das novidades é que a campaña este ano estará en marcha durante preto de dous meses, de outubro a decembro. E serán 150.000 euros os que moverán en volume de negocio cos 3.700 packs de panchas que se poderán canxear desde mañá mesmo na oficina de Abanca, en Ribadeo, en horario de 8.15 a 14.15 horas de luns a venres”.

Vizoso explica que “con esta proposta por cada 30 euros as persoas interesadas reciben 40 panchas en moeda local para gastar, para consumir nos locais participantes. Eses 10 euros que se aforran son subvencionados polo Concello de Ribadeo. Neste esforzo por manter vivos os nosos establecementos o goberno municipal ofrecerá 37.000 euros, case tres veces máis que na edición anterior”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “poderanse adquirir un máximo de tres packs de moeda local por persoa, acreditado co DNI orixinal. Cada persoa poderá levar un máximo de catro DNIs orixinais doutras persoas. Poderanse acumular un máximo de 2 packs de moeda local por compra. Se o importe é maior de 80 panchas o resto da compra deberá abonarse en euros. Todos os detalles da campaña así coma o listado dos locais participantes atópanse na web panchamoedalocal.ribadeo.org”. E dixo que “todos os locais adheridos á Pancha están perfectamente identificados”.

OFERTA VARIADA

Vizoso anima “á veciñanza de Ribadeo, da súa contorna, ás veciñas e veciños da Mariña e do Occidente asturiano a aproveitar esta campaña para facer as súas compras de tempada no comercio local e para vir disfrutar da exquisita gastronomía que atoparán na hostalería ribadense”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou: “desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos do número de establecementos participantes, xa que dos 108 negocios que estarán na campaña un total de 74 son socios nosos, o que representa o 70% do total. Esta cifra fala moi ben da implicación da asociación nesta iniciativa, que consideramos que será moi positiva para a economía local”.

Pérez Prada dixo que “ao longo destes días fixemos unha labor importante de visita aos socios para explicarlles a campaña así como as vantaxes que lles suporá e tamén lles axudamos a adherirse”.

O xerente do colectivo empresarial tamén quere animar “á cidadanía a participar nesta campaña. Hai unha oferta moi ampla de negocios de todos os sectores: moda para muller, home, para nenos e nenas, de bebés; calzado; deportes; electrónica; telefonía; estética; así coma bares e restaurantes”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...