InicioDeportesSeis de seis puntos nun inicio perfecto para o Burela FS tras...

Seis de seis puntos nun inicio perfecto para o Burela FS tras conquistar a pista do Córdoba

Matamoros e Álex Diz, con cadanseu dobrete, lideraron aos de Juanma ao segundo triunfo consecutivo no arranque da Primeira División

Publicada o

- Advertisement -

Ao Pescados Rubén Burela FS dáselle ben Vista Alegre, ben sexa na Mariña, ben en Andalucía. Así o demostraron esta tarde os pupilos de Juanma Marrube cun trepidante triunfo esta tarde ante o Córdoba Patrimonio de la Humanidad (5-6) referendando o bo inicio ligueiro, con dúas vitorias en dúas xornadas.

Coas boas sensacións do debut ante Cartaxena, os mariñaos plantáronse con moito carácter para facer fronte a unha cita na que houbo de todo, intensa e igualada, con dous equipos dispostos a todo. A escuadra laranxa soubo remontar un temperán 0-2 en contra, aproveitar as súas oportunidades para conseguir unha distancia de 3-6 e aplicarse en defensa para non ceder os tres puntos ante o xogo de cinco.

Aínda que se adiantaron os locais, con Zequi e Saura, o Pescados Rubén soubo manter a compostura para igualar a contenda en tan só un minuto, con Matamoros, desde os dez metros, e Álex Diz, dun disparo raso; cumpríase o 14 de xogo. Eto’o deulles a vantaxe aos laranxas chegando ao descanso.

Na segunda parte Iago Míguez ampliou a fenda, nun rexeitamento de Prieto; atopábase o ben o Pescados Rubén, pero Córdoba respondeu acurtando inmediatamente, co 3-4 de Zequi batendo a saída de Kaluza. Matamoros, antes do ecuador, e Álex Diz máis tarde volveron facer acto de presenza para poñer terra por medio cunha boa vantaxe, de 3-6.

Os locais reaccionaron entón, no 35, con porteiro xogador para vivir un final moi intenso; os galegos xestionaron ben a defensa, aínda que viron como a súa distancia se reducía en dúas situacións de rexeitamento. Seguiron apelando á súa solidez e orde para manter a recado os tres puntos no último tramo.

FICHA TÉCNICA

Córdoba Patrimonio de la Humanidad FS: Prieto, Jesulito, Jesús, Zequi, Saura, cinco inicial; tamén xogaron Boyos, Shimizu, Koseky, Pablo do Moral, Ricardo, Joaqui.

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Iago Míguez, Javi Rodríguez, Matamoros, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Pitero, Giasson, Eto’o, David Pazos, Álex Diz, Quintela

Goles: 1-0, minuto 9, Zequi; 2-0, minuto 10, Saura; 2-1, minuto 13, Matamoros; 2-2, minuto 14, Álex Diz; 2-3, minuto 19, Eto’o; 2-4, minuto 28, Iago Míguez, 3-4, minuto 28, Zequi; 3-5, minuto 29, Matamoros; 3-6, minuto 35, Álex Diz; 4-6, minuto 37, Shimizu; 5-6, minuto 38, Boyos.

Árbitros: Miñano Martínez // Ropero Lara. Por Córdoba amarela a Pablo do Moral, Zequi, Cristian, Josán González. Por Burela amarela a Iago Míguez, Javi Rodríguez, Eto’o, Álex Diz, Quintela

Incidencias: Partido correspondente á xornada 2 de Primeira División RFEF disputado no Palacio dos Deportes de Vista Alegre de Córdoba.

AS GUERREIRAS, Á FINAL DA COPA GALICIA

O Pescados Rubén Burela FSF selou esta tarde o seu pase á final da XIV Copa Galicia con vitoria sobre o Viaxes Amarelle FSF (2-1); na gran cita veranse as caras con Poio ou Ourense, aínda pendente do desenlace do segundo partido. Dany e Cris marcaron para darlle a volta ao gol inicial de Yaiza.

Cilene e unha xogadora do Amarelle disputan o balón. AXM

As de Julio Delgado e máis Lucas traían unha cómoda renda (1-10) do partido de ida e non pasaron apuros para coarse no encontro decisivo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...