As rodas dos coches que estaban estacionados nunha rúa de de Ribadeo, na Mariña Lucense, apareceron este martes rachadas, segundo denunciou nun comunicado o PSdeG desta localidade lucense, que lle pide ao Concello que actúe dalgún xeito para evitar este tipo de actos vandálicos.
“Hoxe pola mañá espertámonos coa nova de que había desperfectos” en vehículos que estaban estacionados na Rúa Rosalía de Castro, que apareceron “coas rodas rachadas”.
Ademais, denuncia a agrupación socialista ribadense, tamén apareceron “pintadas en espazos públicos e desperfectos no mobiliario urbano“.
Por iso, este partido reclámalle ao goberno local que “busque os mecanismos necesarios, en colaboración con outras Administracións si fose necesario, para que se respecten as normas e a boa convivencia”, na localidade.
“Desde a agrupación socialista de Ribadeo queremos expresar o noso rexeitamento a este tipo de actos e poñémonos a disposición de todos os veciños afectados”, conclúe a formación.
DISPENSADORES DE HIDROXEL ROTOS E PINTADAS EN MUROS E PAREDES
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, enmarcou este suceso nun contexto “no que estamos a asistir a actos vandálicos contra o patrimonio público, como romper dispensadores de xel hidroalcólico colocados nos parques, pintadas en muros e paredes, e tamén contra o privado, que tamén nos doe a todos. Eu non sei se estes actos están conectados ou feitos polas mesmas persoas, sei que buscan facer o mal polo mal. As forzas de seguridade están investigando os feitos con todo o seu esforzo e a intensidade necesaria”, remarcou.
Suárez Barcia concluíu que “se nunca é bo o momento para facer estes actos terribles, o momento social e económico ao que nos enfrontamos coa pandemia fai que sexan aínda moito máis repobables ou despreciables. Se alguén puido ver algo, pedimos que o comunique ás autoridades para resolver isto canto antes”, concluíu.