O Pescados Rubén Burela FS sufriu a segunda derrota consecutiva na Primeira División, nun treito da competición complicado, ao caer na pista do vixente subcampión de Liga, o Viña Albali Valdepeñas (4-1), e despois de caer por primeira vez no curso ante o Movistar Inter. O equipo da Mariña Lucense suma seis puntos, colleitados nas dúas primeiras xornadas da competición ligueira.
Mereceu mellor sorte o cadro que prepara Juanma Marrube, que na primeira metade topou cun extraordinario Edu, o gardameta local. O porteiro do Valdepeñas desbaratou boas oportunidades de Diego Quintela -nun contraataque-, Renato -na estratexia- e Iago Míguez -logo dunha boa combinación dos de laranxa-.
O conxunto de Cidade Real tamén puxo a proba a Kaluza, que respondeu ante o ex burelista Chino e Juanan. Pouco despois, antes de que se cumprise o cuarto de hora, Catela abriu o marcador para o Valdepeñas tras roubar o balón a Álex Diz. Catro minutos despois chegaba o segundo tanto dos locais, obra do propio Juanan.
Edu seguiu sendo o pesadelo do Pescados Rubén á volta dos vestiarios, impedindo que se traduciran no marcador ocasións claras de Diego Quintela, por partida dobre, e David Pazos. Avisaba unha e outra vez o cadro visitante e tivo premio no minuto 27, cando Iago Míguez rematou no segundo pau un saque de banda de Renato para reducir diferenzas no marcador.
Acto seguido, Pitero sacou baixo paus o 3-1, que impediu Kaluza nun par de boas opcións do Valdepeñas. Chino cortou pola súa banda un contraataque claro do Burela FS. No minuto 35 o cadro burelao cometeu a quinta falta e dous despois o técnico alfocego do Pescados Rubén optou polo xogo de cinco.
OS DOUS ÚLTIMOS GOLES LOCAIS, DE DOBRE PENALTI
A sentenza a prol dos locais chegou a un minuto do final, cando os da Mariña cometeron a sexta falta. Chino non perdoou no dobre penalti e aínda ampliaría a renda nos últimos segundos, da mesma maneira, coa sétima infracción por parte dos burelaos. Dúas xogadas que a expedición visitante considerou rigurosas en exceso nun partido de moita intensidade.
FICHA TÉCNICA
ZARAGOZA, VINDEIRO RIVAL
O Futbol Emotion Zaragoza será o vindeiro rival dos burelaos, en Vista Alegre, o mércores.