EFE. Os traballadores de Alcoa, que continúan coa folga indefinida no complexo industrial e controlan os accesos principais para impedir a saída de aluminio, seguen convocando mobilizacións para demandar a intervención pública da planta, como unha solución factible para garantir a produción e os postos de traballo.
O comité convocou unha nova acción de protesta para este xoves -día 22-, que se desenvolverá fronte á oficina de emprego na localidade lucense de Burela e na que tamén participarán os traballadores das empresas auxiliares que prestan servizo no complexo de Alcoa San Cibrao.
A idea é facer visible o impacto que tería para a comarca da Mariña a perda dos 524 postos de traballo que pretende amortizar Alcoa no seu persoal e outros tantos nas contratistas que traballan para a fábrica de aluminio primario.
“Imos escenificar o que vai pasar se nos despiden a todos”, explicaron a Efe fontes do comité.
O presidente do comité, José Antonio Zan, afirma que o Goberno “ten que tomar unha decisión e executala xa”, porque “Alcoa pode iniciar os despedimentos en calquera momento”.
Aínda que recordou que o comité “non asinou a paralización das cubas”, tamén precisou que “pode empezar a executar os despedimentos do persoal que está afectado polo ERE e non ten nada que ver co funcionamento da maquinaria”.